Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
OS MAIOS, MÚSICA SEN FRONTEIRAS E UN ESPECTÁCULO DE K-POP, ENTRE AS PROPOSTAS PARA ESTA FIN DE SEMANA EN NARÓN
A música, a tradición popular, o teatro e os espectáculos familiares protagonizan a axenda cultural e de ocio desta fin de semana en Narón.
Venres, 8 de maio de 2026. O Pazo da Cultura converterase nun dos principais escenarios cun concerto da artista ucraína Solomiia Savchuk, a representación da comedia “Señores que din” e dúas funcións do musical infantil “Idols: A revolución K-Pop”. Ademais, a cidade celebra o sábado a tradicional festa dos Maios e o domingo recupera unha nova edición da romaría da Virxe da O. A intérprete ucraína Solomiia Savchuk, ofrece este venres, ás 20.30 horas no Pazo da Cultura de Narón, o concerto Luz sin fronteras. Refuxiada en Ferrol por mor da guerra, onde continúa os seus estudos no conservatorio, a artista ofrece unha proposta que fusiona música tradicional ucraína, española e galega. O recital, o primeiro en solitario da artista, contará con músicos convidados e a participación do coro infantil Voces sen fronteiras. As entradas poden adquirirse na web do Padroado de Cultura e na billeteira do recinto. A programación continúa o sábado coa celebración dos Maios 2026, organizada polo Padroado de Cultura e a Sociedade Cultural Areosa. A Praza de Galicia converterase no epicentro dunha xornada dedicada á tradición e á participación veciñal. As actividades comezan ás 11.00 horas coa elaboración dunha alfombra floral participativa deseñada polo artista Leandro Lamas. Xa pola tarde, ás 16.30 horas, os maios confeccionados polas asociacións do municipio concentraranse en Piñeiros para iniciar un desfile acompañado polos grupos etnográficos do Padroado ata a Praza de Galicia. Alí desenvolveranse os xogos florais, actuacións das Escolas culturais municipais e a exposición das creacións florais. Ademais, recrearase a tradicional danza de arcos. A celebración dos Maios inclúe tamén actividades previas en centros educativos e entidades veciñais, nas que participan arredor de 600 escolares de infantil e primeiros cursos de primaria de nove centros do municipio. Os traballos elaborados durante os obradoiros poderán verse expostos ao longo do sábado na Praza de Galicia. A xornada pecha ás 20.00 horas co espectáculo de teatro-circo “Pausa”, da compañía Nimú. A esta celebración súmase tamén a Biblioteca municipal cunha actividade infantil o sábado 9 de maio ás 11.00 horas. Baixo o título “Maios, a festa na biblioteca”, a cativada poderán coñecer de forma lúdica a orixe desta tradición galega e participar nun pequeno obradoiro colectivo para elaborar un maio. As prazas deben reservarse previamente, de maneira presencial ou no teléfono 981 382 173 en horario de apertura da biblioteca. Tamén o sábado, o Centro Cívico Social do Alto do Castiñeiro ofrece unha nova conferencia da Escola de Benestar. O consultor tecnolóxico Esteban Grandal imparte a charla Intelixencia Artificial e Pensamento Crítico, na que reflexiona sobre a importancia de desenvolver unha mirada crítica fronte ao ruído dixital, a desinformación e a sobreabundancia de contidos en internet. A actividade é gratuíta e está aberta ao público ata completar capacidade. O sábado á noite, ás 20.00 horas, o Pazo da Cultura de Narón acolle a representación da comedia en galego “Señores que din”, da compañía De Ste Xeito. A obra narra o reencontro de tres irmás trixemelgas e a súa nai na casa familiar de Cabo Home, nunha historia que aborda, en clave de humor, as relacións persoais e a visión das mulleres sobre os “señores que din”. A programación cultural continúa o domingo co musical infantil “Idols: A revolución K-Pop. As gardiás do ritmo”, que ofrece dúas funcións, ás 12.30 e ás 18.00 horas, tamén no Pazo da Cultura. O espectáculo, inspirado na estética e no universo visual do K-Pop, fusiona música en directo, coreografías e posta en escena nunha produción da compañía CTME e Vol Music Events. A programación da fin de semana complétase o domingo coa romaría da Virxe da O, recuperada en 2024 tras varios anos sen celebrarse. A xornada contará con misas, unha comida popular con polbo e churrasco e actuacións da Banda de Gaitas do Padroado e do grupo Alaska. Ademais, a romaría inclúe unha nova edición da andaina do programa municipal Ponte en ruta con nós!, cun percorrido de once quilómetros e dificultade media entre o local social da Pombiña e o mosteiro do Couto, con saída prevista ás 09.30 horas.

<<< Maio 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
naron.gal