Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
XORNADA DE PARTICIPACIÓN XUVENIL EN NARÓN CON PROPOSTAS SOBRE BENESTAR, OCIO E MOBILIDADE
O Café-Teatro do Pazo da Cultura de Narón reuniu este venres a alumnado de distintos centros educativos nun novo encontro do Espazo Intercentros de Participación xuvenil do curso 2025-2026 no que participaron a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Ensino, Olga Ameneiro.
Venres, 8 de maio de 2026. Nesta primeira sesión do comité, que continúa cunha segunda o próximo venres, tivo voz estudantado do CPR Jorge Juan, do IES As Telleiras e do CPR Ayala, que traballaron de forma conxunta na elaboración de propostas dirixidas ao Concello de Narón. A xornada desenvolveuse entre as 10.30 e as 13.30 horas cunha metodoloxía participativa estruturada en dinámicas de presentación, traballo en grupos temáticos e construción de propostas colectivas. O obxectivo foi identificar necesidades compartidas e transformalas en iniciativas concretas para trasladalas posteriormente ás representantes políticas municipais. As achegas do alumnado organizáronse arredor de catro bloques principais: mellora da autonomía para a mobilidade, creación de espazos de ocio, promoción da saúde física e mental e preparación para o futuro. No ámbito da mobilidade, as propostas incidieron na falta de autonomía da mocidade para desprazarse por Narón, especialmente en zonas rurais. Entre as ideas expostas figuran a ampliación das liñas de transporte público, a mellora dos carrís bici e da conexión entre parroquias e mesmo a incorporación de bicicletas eléctricas como alternativa de mobilidade sostible. No relativo ao ocio, o alumnado reclamou espazos propios de encontro, seguros e accesibles, con actividades variadas. Suxeríronse locais municipais para a mocidade con zonas de descanso, xogos de mesa, videoxogos ou música, así como a recuperación e mellora de espazos urbanos e naturais como puntos de reunión. A terceira liña de traballo centrouse na saúde física e mental. As propostas inclúen desde a creación de parques de calistenia a mellora nas instalacións deportivas existentes, construción de novas infraestruturas como pistas de fútbol sala ou piscinas, e o impulso de actividades deportivas ao aire libre e eventos como carreiras solidarias. O deporte foi definido polo propio alumnado como unha ferramenta de socialización e benestar emocional, ademais dunha vía de escape fronte ao estrés académico. No eixo de preparación para o futuro, o alumnado reclamou máis formación práctica sobre cuestións da vida cotiá, como xestión económica, acceso ao emprego ou habilidades domésticas. Tamén propoñen charlas periódicas con profesionais e antigos estudantes, co obxectivo de achegar experiencias reais ao ámbito educativo. Un dos elementos centrais da sesión foi a elaboración de propostas conxuntas a partir das ideas dos distintos grupos, buscando puntos en común e sinerxías entre centros. As conclusións foron presentadas por portavoces escollidos polo propio alumnado ante as representantes municipais.

<<< Maio 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
naron.gal