O PADROADO DE CULTURA DE NARÓN ACTIVA ESTE MARTES AS INSCRICIÓNS PARA OS CAMPAMENTOS CULTURAIS DE VERÁN
O prazo de preinscrición estará aberto do 9 ao 14 de xuño, con preferencia para os menores empadroados no municipio.
Luns, 8 de xuño de 2026. Xogos tradicionais, baile, música con instrumentos galegos, teatro, cine e excursións pola contorna… Isto e máis é o que agardan este verán as nenas e nenos de entre 3 e 12 anos que participen nos Campamentos Culturais 2026 do Padroado de Cultura de Narón. As familias interesadas teñen a partir deste próximo martes, 9 de xuño, unha semana para apuntarse.
O prazo de preinscrición estará aberto ata o día 14 de xuño (incluído), tanto de forma presencial no Pazo da Cultura —sede das actividades— como a través da sede electrónica do Concello. As solicitudes atenderanse por orde de rexistro de entrada, con preferencia para os menores empadroados no municipio.
Os campamentos organízanse en tres quendas de dúas semanas: do 6 ao 17 de xullo, do 20 ao 31 de xullo e do 3 ao 14 de agosto, en horario de 9:00 a 14:00 horas de luns a venres. Haberá ademais un servizo de madrugadores de 8:00 a 9:00 horas para quen o precise. O número total de prazas é de 225, repartidas en 75 por quenda e distribuídas por grupos de idade. A taxa de participación é de 80 euros por quenda.
O programa, concibido para promover a cultura popular galega e fomentar valores como a empatía a cooperación e o respecto, complétase con obradoiros de reciclaxe e sostibilidade, actividades de relaxación e festas tradicionais.
A documentación necesaria para inscribirse —solicitude cuberta, cuestionario de saúde (Anexo I) e formulario de declaracións e autorizacións (Anexo II)— está dispoñible no Pazo da Cultura e na sede electrónica municipal.
A listaxe provisional de admitidos publicarase o 19 de xuño, e a definitiva o 23, data na que se abrirá o prazo de matriculación que estará vixente ata o 26 de xuño.
Para máis información, as familias poden dirixirse ao Pazo da Cultura ou contactar co Padroado de Cultura a través do correo p.cultura@naron.gal ou do teléfono 981 391 144.