ALXIBEIRA PRESENTA "CONGOSTRA", UN ESPECTÁCULO DE NOVA CREACIÓN BASEADO NA MEMORIA E A IDENTIDADE DA COMARCA
Con máis de trinta artistas en escena e a dirección de Quique Peón, a agrupación folclórica estrea este novo proxecto o 11 de xullo no Pazo da Cultura.
Mércores, 10 de xullo de 2026. O Concello de Narón acolleu este mércores a presentación de Congostra, o novo espectáculo do Grupo Alxibeira do Padroado de Cultura de Narón, nun acto no que estiveron presentes o seu creador e director, Quique Peón, e a alcaldesa e presidenta do Padroado de Cultura, Marián Ferreiro. A estrea terá lugar o próximo 11 de xullo ás 21:00 horas no Pazo da Cultura de Narón.
Congostra é un espectáculo de nova creación que aborda, en clave contemporánea, as tradicións da comarca de Ferrolterra. A peza preséntase como testemuña da memoria colectiva que resiste como patrón de identidade fronte ao esquecemento, poñendo en escena a través da danza, a música e a interpretación o que Quique Peón define como "unha mensaxe que nos faga sentir orgullosos de pertencer ao sitio".
En total, no espectáculo participan máis de trinta artistas entre corpo de baile, grupo de música e pandereteiras pertencentes ao Grupo Alxibeira, nun formato que, segundo o seu director, supuxo un reto importante para a agrupación: "pasaron de bailar baile tradicional a interpretar teatralmente, a cantar. Todos cantan, todos bailan, todos interpretan".
A peza, tal e como expliou Peón, estrutúrase en sete actos enlazados por outros tantos audiovisuais creados polo artista galego Antón Cabaleiro, formado nos Estados Unidos, a partir de fotografías e material de arquivo cedido pola área de Normalización Lingüística e o arquivo municipal do Concello de Narón, así como por aportacións persoais dos membros do grupo.
O repertorio musical bebe maioritariamente da tradición de Ferrolterra: melodías recollidas na comarca, cantos de berce, coplas e muiñeiras das Mariñas altas, nunha selección na que o 90% das pezas son deste territorio. Quique Peón describe o resultado como "un espectáculo contemporáneo minimalista e ao mesmo tempo eficaz" no que a fusión de tradición e linguaxe escénica contemporánea "fai un conxunto que ao público lle resulta moi interesante".
O Grupo Alxibeira naceu a finais de 1986 por iniciativa do Padroado de Cultura do Concello de Narón co propósito de revalorizar o folclore galego desde a investigación nas súas raíces máis auténticas. Desde entón, a agrupación tense consolidado como unha das máis sólidas do folclore galego, chegando a actuar en escenarios de Europa e América.
Desde 2020, a dirección artística recae en Quique Peón, un dos referentes da investigación etnográfica e da danza tradicional en Galicia, cun labor de décadas na recuperación de bailes, músicas, traxes e instrumentos do patrimonio inmaterial galego. Baixo a súa dirección, Alxibeira deu o paso cara á creación propia sen abandonar a esencia que sempre definiu o grupo.
"Narón leva case catro décadas apostando polo folclore galego e desde o Padroado da Cultura temos o privilexio de acompañar a Alxibeira e de estrear propostas como ‘Congostra’ que vai dar moito que falar", subliñou a alcaldesa Marián Ferreiro, que convidou a veciñanza a asistir á primeira función deste ambicioso proxecto o próximo 11 de xullo.