A iniciativa reivindicará a inclusión social a través dun percorrido polo Camiño Inglés entre Ferrol e Neda o próximo 27 de xuño.
Xoves, 18 de xuño de 2026. O Concello de Narón colabora na celebración da XII edición do Camiño da Diversidade, unha iniciativa promovida pola Fundación Ingada que terá lugar o 27 de xuño e que percorrerá unha etapa do Camiño Inglés entre Ferrol e Neda co obxectivo de promover a inclusión social e poñer en valor a diversidade como elemento enriquecedor da sociedade.
A presentación desta andaina reivindicativa desenvolveuse esta mañá no Concello coa participación de Esteban López, da Fundación Ingada, acompañado polas concelleiras de Igualdade, María Lorenzo, e de Turismo, Natalia Hermida, que trasladaron o apoio municipal a unha proposta que mestura o deporte e a cultura coa convivencia e a sensibilización social.
María Lorenzo destacou a importancia de apoiar iniciativas que contribúan a construír unha sociedade máis inclusiva. “Desde o Concello de Narón apoiamos este tipo de actividades que fomentan a participación, a convivencia e o respecto á diversidade, ao tempo que visibilizan o traballo que entidades como a Fundación Ingada realizan diariamente coas persoas afectadas por TDAH e as súas familias”, indicou.
Pola súa banda, Esteban López explicou que o Camiño da Diversidade “é unha actividade aberta tanto ás persoas usuarias e familias da entidade como á cidadanía en xeral, que busca crear un espazo de encontro e convivencia arredor dos valores de inclusión e igualdade de oportunidades”. Así mesmo, lembrou que a iniciativa aproveita o simbolismo do Camiño de Santiago para difundir unha mensaxe de respecto, integración e participación social.
A marcha partirá ás 10:00 horas desde o Baluarte de Santo Xoán, en Ferrol, e completará un percorrido duns 13 quilómetros ata o albergue de peregrinos de Neda. A programación concluirá arredor das 19:00 horas cun concerto do grupo The Transfusions.
Hermida incidiu tamén no valor que esta proposta ten para a promoción do territorio e do propio Camiño Inglés. “Trátase dunha actividade que permite dar a coñecer o patrimonio cultural e paisaxístico da comarca ao tempo que transmite unha mensaxe de inclusión e convivencia que compartimos plenamente desde o Concello”, sinalou.
As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición a través da plataforma Ataquilla.com. A entrada xeral ten un prezo de cinco euros, mentres que a modalidade solidaria custa dez euros e inclúe unha camiseta da Fundación Ingada.
Desde o Concello de Narón animan a veciñanza a sumarse a esta nova edición do Camiño da Diversidade e a participar nunha xornada que pretende converter o deporte e o Camiño de Santiago nun punto de encontro para reivindicar unha sociedade máis inclusiva, diversa e accesible para todas as persoas.