Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PLENO DE NARÓN APROBA O CONVENIO CON FERROL QUE RESOLVE DEFINITIVAMENTE O CONFLITO POLA DEPURACIÓN DE AUGAS
O novo regulamento de uso da piscina do Couto, validado tamén nesta sesión, fixa as normas de funcionamento e as tarifas coas que abrirá ao público a instalación.
Xoves, 25 de xuño de 2026. O Pleno ordinario de xuño do Concello de Narón aprobou o convenio de colaboración co veciño Ferrol para regular a colaboración interadministrativa na explotación, mantemento e xestión das instalacións supramunicipais de depuración que prestan servizo a ambos os dous municipios. O acordo pon fin a anos de reclamacións por parte de Narón para contar cun marco que defina con claridade as obrigas económicas de cada concello. Na mesma sesión, o Pleno avalou definitivamente o regulamento de uso do complexo da piscina do Couto. Vinculada a esta nova instalación, o Pleno sacou adiante a ordenanza fiscal nº 13, reguladora da taxa por utilización de instalacións deportivas municipais, aprobando definitivamente o texto que incorpora as tarifas pola utilización das diferentes infraestruturas, entre elas a da piscina de verán ao aire libre. Segundo recolle o documento validado, a entrada diaria custará 1,50 euros para os menores de 14 anos e 3 euros para os maiores desa idade, mentres que o abono mensual se fixa en 20 euros para menores de 14 anos, 25 euros para maiores desa idade e 40 euros no caso do abono familiar. Ademais, os clubs federados de Narón poderán alugar a instalación por 2,30 euros a hora ou por 12 euros o día. A sesión sacou adiante catro expedientes de modificación de crédito. O máis cuantioso, financiado con cargo ao remanente de tesourería do exercicio 2025, recolle precisamente as cantidades destinadas a saldar as débedas con Ferrol pola depuración de augas. Outro expediente, por valor de preto dun millón de euros e financiado mediante operación de crédito a longo prazo, inclúe investimentos como a habilitación de aparcadoiros disuasorios en San Luís, O Ponto e Santa Icía, o desenvolvemento da Smart City municipal, a ampliación da rede de saneamento en Ferrerías ou diversas melloras en instalacións deportivas e centros escolares. Un terceiro, de 1,2 millóns de euros, destínase a gastos de persoal, investimentos e transferencias correntes, entre eles a redacción do Plan de Accesibilidade Universal do Concello e a obtención de cartografía actualizada do municipio. Por último, o Pleno sacou adiante unha modificación de 80.000 euros para sufragar as auditorías previas necesarias de cara á liquidación da sociedade Cosma, que remata o seu período de xestión en xuño de 2027. A sesión plenaria levantou, ademais, os reparos suspensivos formulados pola Intervención municipal e aprobou o recoñecemento extraxudicial de crédito necesario para formalizar os convenios de colaboración correspondentes ao exercicio 2025 con diversas entidades sociais e deportivas. Entre as propostas incluídas na orde do día, o Pleno de Narón aprobou así mesmo a rectificación da delimitación gráfica do vial municipal sito no lugar de Cimadavila-O Val, mantendo a súa condición de ben de dominio público, e deu luz verde á modificación dos estatutos da Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, da que Narón forma parte desde 2018. Noutra orde de cousas, a sesión plenaria subscribiu a declaración institucional proposta pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBI, que se celebra o 28 de xuño, na que o Concello reafirma o seu compromiso coa igualdade real e efectiva das persoas LGTBI e coa prevención de calquera forma de discriminación. Na quenda de mocións, prosperou a iniciativa do BNG para que o goberno municipal elabore e publique un calendario das actuacións de roza e limpeza viaria na zona rural do municipio e cree un mapa público e accesible no que se poida seguir o estado destes traballos. Tamén se aprobou a moción do Partido Popular para mellorar a seguridade peonil na rúa Camiño do Pino, que insta a elaborar un estudo técnico de mobilidade nese tramo e a avaliar a posibilidade de habilitar unha senda peonil ou beirarrúa. O Pleno validou igualmente a moción do BNG en defensa das traballadoras e traballadores galegos e contra a criminalización das baixas laborais por parte da Xunta de Galicia.

<<< Xuño 2026 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal