O CONCELLO DE NARÓN RECIBE DO CPR JORGE JUAN OS CARBALLOS PLANTADOS POLO ALUMNADO DE 1º DA ESO
As árbores, froito dun proxecto competencial de bioloxía, serán transplantadas na primavera en zonas verdes do municipio.
Xoves, 16 de xullo de 2026. O edil de Medio Ambiente do Concello de Narón, Manuel Ramos, visitou na mañá deste xoves as instalacións do Colexio Jorge Juan, en Xuvia, para recibir os carballos sementados polo alumnado de 1º da ESO dentro do Proxecto Competencial que imparte a profesora de bioloxía Pilar Lamela Riola. En total son preto de 80 exemplares, xurdidos da primeira tanda de landras recollidas dun carballo do propio centro e postas a xerminar polo alumnado ao longo do curso.
O proceso, que se prolongou durante varios meses, levou aos 25 rapaces e rapazas do grupo a coidar das plantas dende a súa xerminación ata acadaren o tamaño necesario para poderen ser trasplantadas ao exterior. Trátase dunha experiencia que combina a aprendizaxe por proxectos coa educación ambiental, achegando ao alumnado ao ciclo completo dunha árbore autóctona, desde a landra ata a súa plantación nun espazo público.
Durante a visita, Ramos estivo acompañado pola profesora Ana Cabeiro e pola directora do centro, María José Cazorla, que puxeron en valor o traballo realizado polo alumnado ao longo do curso.
"Iniciativas coma esta demostran que a educación ambiental pode ir máis alá da aula. Este alumnado non só aprendeu bioloxía, senón que se responsabilizou do coidado destas árbores dende o primeiro momento, e agora van poder ver como medran nas rúas do seu propio concello", sinalou o edil de Medio Ambiente.
Ramos avanzou que os carballos serán transplantados na primavera polo propio alumnado en distintas zonas verdes de Narón, fundamentalmente no Paseo de Xuvia, contribuíndo á reforestación con especies autóctonas e á implicación do alumnado no coidado da contorna natural.