NARÓN DÁ A BENVIDA AOS CINCO MENORES SAHARAUÍS QUE PASAN O VERÁN EN ACOLLIDA CON FAMILIAS DO MUNICIPIO
O Concello colabora un ano máis co programa "Vacacións en Paz" impulsado pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps).
Xoves, 16 de xullo de 2026. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, xunto aos voceiros dos catro grupos municipais, recibiron este xoves no Concello as familias acolledoras e os cinco menores saharauís —tres nenos e dúas nenas— que participan este verán no programa "Vacacións en Paz" no municipio. Dúas das familias repiten experiencia como acolledoras, mentres que as outras tres estréanse este ano no programa.
Durante o encontro, a rexedora local desexoulles aos pequenos Hafdala, Neitu, Brahim, Said e Rabab unha estadía "chea de momentos felices e novas experiencias" e agradeceu ás familias a súa xenerosidade, sinalando que "grazas ao seu compromiso, estes nenos e nenas poden gozar dun verán distinto, lonxe do calor extremo dos campamentos e rodeados de cariño".
O programa "Vacacións en Paz" é un proxecto de acollida temporal de nenos e nenas saharauís durante os meses de xullo e agosto que, en Galicia, desenvolve a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps), a petición expresa do goberno da República Árabe Saharaui Democrática (RASD).
O Concello de Narón colabora con esta iniciativa organizando cada ano un programa de actividades para os menores acollidos. Nesta edición, os pequenos escolleron visitar as instalacións do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS), coñecer o Club de Remo e gozar da nova piscina ao aire libre do Couto. Ademais, o consistorio fíxolles entrega dun agasallo e dun vale para canxear por material escolar e deportivo.
A delegada comarcal da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps), Maite Martínez, agradeceu "un ano máis" a colaboración do Concello de Narón con este programa solidario.