A CULTURA VIAXEIRA TOMA NARÓN NA SEXTA EDICIÓN DO GULLIVER FEST CON PRESENZA DE ROSA MARÍA CALAF E PABLO STRUBELL
O festival reunirá do 6 ao 9 de agosto en Pedroso charlas, música e obradoiros entre outras propostas arredor da cultura viaxeira.
Xoves, 22 de xullo. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Turismo, Natalia Hermida, desprazáronse este xoves á Área medioambiental e recreativa do Muíño de Pedroso para presentar, xunto a Ángel Sánchez, da Asociación FurgoGalicia, a sexta edición do Gulliver Fest, o Festival da Cultura Viaxeira que se celebra neste espazo do 6 ao 9 de agosto.
O evento, organizado polo Concello a través dos padroados de Cultura e Deportes en colaboración coa Asociación FurgoGalicia, a Deputación e Agadic, e co patrocinio de Camper Cover e dspcamper, desenvólvese en catro xornadas cun programa pensado para todos os públicos. Concertos, charlas, obradoiros, actividades infantís e propostas deportivas, todas de acceso gratuíto, conviven cunha zona de acampada e unha ampla área camper para pernoctar e para a que quedan á venda as últimas entradas.
O apartado de charlas chega este ano con dous nomes de peso do xornalismo e da literatura de viaxes. Rosa María Calaf, a correspondente coa traxectoria internacional máis extensa de TVE tras case catro décadas cubrindo a actualidade desde destinos como Moscova, Nova York, Roma, Viena, Hong Kong ou Pequín, compartirá a súa experiencia coas persoas asistentes.
Amais dela, tamén intervirá nesta edición Pablo Strubell, economista de formación, escritor, editor, podcaster e guía de viaxes por Asia Central, autor de títulos como “¡Te odio, Marco Polo!” e impulsor, xunto a Itziar Marcotegui, das Jornadas de los Grandes Viajes, ademais de responsable dun dos podcasts de viaxes con máis seguimento do Estado.
Esta edición inclúe, así mesmo, outras propostas moi especiais arredor da cultura viaxeira. Entre elas, unha charla sobre o terceiro centenario da publicación de “Os viaxes de Gulliver”, a obra de Jonathan Swift que dá nome ao festival, e outra dedicada a como vivir e gozar o eclipse solar do próximo 12 de agosto.
O cartel musical desta edición terá como grandes protagonistas a Lidia India, artista local que se está a consolidar como unha das voces emerxentes do folk contemporáneo, e as actuacións de Muyayo Riff e Hafa Afrosweet, que porán ritmo ás noites do sábado e do domingo, respectivamente, no Escenario Gulliver. A programación inclúe outras propostas como Farra Fanfarra, Wahira ou Balkan Bomba, ademais das sesións continuas de La Duendeneta que terá presenza fixa ao longo de todo o festival. Ademais, o domingo pola tarde abrirá co concerto do popular grupo de música infantil en galego Uxía Lambona e a Banda Molona.
O Gulliver Fest reserva tamén un espazo destacado ás artes escénicas, co ciclo Teatro sobre Rodas como un dos grandes atractivos da edición. O sábado subirá ao Escenario CamperCover a compañía de Antón Coucheiro con “Ciganí 100%”, seguida pola proposta circense de Circo Expreso 2 con “Desastronauts”. O domingo será a quenda de Jean Philippe Kikolas, con “Sin remite”, que pechará unha fin de semana na que este espazo natural se converte en escenario.
O programa dará comezo o xoves 6 de agosto coa apertura da zona camper, de acampada e glamping, seguida de cine familiar e unha jam sesión de músicos locais, á que se poden sumar artistas, xunto coa primeira actuación de La Duendeneta.
Venres e sábado suman propostas para todas as idades con sesións de ioga matinais, xogos tradicionais, un vermú musical, maxia co Meigo Simón, teatro de rúa, unha carreira de orientación, para a que é necesaria inscrición previa na web, a apertura dunha biblioteca de verán e o taller para crear a chapa do Gulliver Fest.
O sábado será tamén a xornada da chegada de Gulliver acompañado por Farra Fanfarra, coa tradicional foto de familia e a entrega de premios CamperCover.
O domingo 9, xornada de peche, conxugará de novo ioga, teatro de rúa e os concertos de Hafa Afrosweet e Balkan Bomba.
Para máis información sobre programación, horarios, entradas ou como chegar ao festival pode consultarse a páxina web https://gulliverfest.naron.gal/.