NARÓN REIVINDICA DEZ ANOS DE APOSTA POLO GALEGO NAS REDES COA NOVA EDICIÓN DE YOUTUBEIRAS+
O certame repartirá este ano 7.500 € entre as sete categorías a concurso: Canle, Creación de contidos, Revelación, Calidade lingüística, Rede, Pódcast e Premio do Público. As bases xa se poden consultar en www.youtubeiras.gal. O prazo de inscrición está aberto ata as 23:59 horas do 15 de novembro.
Venres, 18 de setembro de 2026. O Concello de Narón, que forma parte de Youtubeiras+ desde os seus inicios hai unha década, asistiu á presentación da décima edición destes premios, celebrada no Milladoiro (Ames). No acto deuse a coñecer a que será a gran novidade desta edición: un novo galardón honorífico para recoñecer a traxectoria de persoas e iniciativas no eido da creación dixital en galego. As bases xa se poden consultar en www.youtubeiras.gal e o prazo de inscricións permanecerá aberto até as 23:59 horas do 15 de novembro. O certame repartirá 7.500 euros entre as persoas premiadas en sete categorías: Canle, Creación de contidos, Pódcast, Revelación, Calidade lingüística, Rede e Premio do Público. Os dous primeiros apartados contarán cunha dotación de 1.250 euros cada un, mentres que os cinco restantes recibirán 1.000 euros. A nova edición desenvolverase baixo o lema “Dez anos en rede”.
A décima edición de Youtubeiras+ chega precedida dun crecemento sostido na participación. O ano pasado concorreron un total de 126 canles, fronte ás 89 de 2024 e as 68 de 2023. Ao Premio do Público presentáronse 49 vídeos en 2025, fronte aos 41 do ano anterior e os 24 de 2024.
O xurado que escollerá as canles e persoas gañadoras desta edición está composto polo músico e produtor Nuno Pico, a comunicadora audiovisual Eira Losada, a creadora de contido e publicista Nuria Grandío, a escritora Emma Pedreira e a guionista e directora Bea Saiáns. Esta nova edición inclúe tamén tres obradoiros gratuítos, todos eles en liña e con inscrición previa: “Como ser unha ‘turras’ sen parécelo”, impartido por María Rúa o 7 de outubro; “Crear contidos con estratexia: das ideas ás redes sociais”, a cargo de Nuria Grandío o 14 de outubro; e “Conecta en galego: diversidade, talento e redes sociais”, con Nee Barros o 21 de outubro.
Youtubeiras+ é un programa de dinamización lingüística colaborativo, organizado a través dos servizos de normalización lingüística de diversos concellos —entre eles Narón—, da Deputación da Coruña e das tres universidades galegas, co obxectivo de promover e visibilizar o talento en galego nas redes. A iniciativa naceu no ano 2015 no marco do IX Curso de verán de dinamización lingüística "Traballando en lingua", organizado pola Universidade da Coruña coa colaboración da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Concello de Carballo. Desde entón, o equipo técnico de normalización lingüística das distintas entidades foi dando forma ao proxecto até sumar hoxe máis dunha decena de organismos públicos.
Despois dunha década de traballo a prol da creación e visibilización de contidos en galego, esta décima edición fixa como obxectivos apoiar a creación de contidos en galego nas redes sociais e fomentar o seu consumo, consolidar Youtubeiras+ como espazo de encontro para as persoas creadoras, homenaxear a súa traxectoria, facer medrar a comunidade youtubeira e tecer redes con iniciativas afíns como o Carballo Interplay ou Galetiktokers. Tras dez anos apoiando e apostando polas persoas que crean contidos en galego na rede, esta edición quere reivindicar as persoas pioneiras no uso do galego en internet á vez que celebrar os novos perfís que suman a lingua galega ás redes sociais.