O SPEIS DE NARÓN REALIZA ESTA SEMANA PRÁCTICAS DE EXCARCERACIÓN E ATENCIÓN A VÍTIMAS DE ACCIDENTES DE TRÁFICO
O exercicio simula diferentes tipos de sinistros para afondar na xestión da “hora de ouro” e na atención integral á vítima por parte de bombeiros e sanitarios.
Martes, 22 de setembro. O Servizo de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) de Narón está a desenvolver estes días un exercicio de prácticas de excarceración e atención a vítimas de accidentes de tráfico, no que colabora persoal de transporte sanitario urxente da área de Ferrolterra. A actividade ten como obxectivo principal optimizar a resposta integral ante intervencións complexas, reducindo os tempos de actuación e mellorando as posibilidades de supervivencia da vítima.
Entre as metas concretas do exercicio están a coordinación técnica no punto de intervención, a manipulación segura do paciente atrapado, a xestión da denominada “hora de ouro”, a zonificación unificada da escena, a integración dos equipos de protección individual, a unificación da terminoloxía empregada polos distintos servizos e o traballo conxunto na triaxe, entre outros aspectos que reforzan a actuación coordinada entre corpos.
As prácticas, nas que participan trece sanitarios e dezaseis bombeiros, desenvólvense sobre vehículos colocados en diferentes posicións —volcados por completo, sobre un lateral ou apoiados sobre as súas rodas— para simular distintos tipos de sinistro. Os coches, cedidos por Desguaces do Noroeste, permiten traballar en tres fases sucesivas: a valoración inicial da vítima, a excarceración propiamente dita e, por último, a extracción.
Ademais dos vehículos propios do servizo de bombeiros de Narón, o exercicio conta cunha ambulancia asistencial na que o persoal sanitario pode completar a súa intervención unha vez finalizada a excarceración.