A ALCALDESA DE NARÓN RECIBE NO CONCELLO A LORENA BERMÚDEZ DOCE E JUAN LÓPEZ PORTA, CAMPIÓNS MUNDIAIS COA SELECCIÓN ESPAÑOLA DE BALONMÁN EN CADEIRA DE RODAS
O edil de Deportes tamén participou na recepción oficial que recoñece o logro histórico destes dous veciños de Narón tras proclamarse campións do mundo.
Xoves, 24 de setembro de 2026. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, recibiron esta tarde no Concello a Lorena Bermúdez Doce e Juan López Porta, veciños de Narón e integrantes da selección española de balonmán en cadeira de rodas que vén de proclamarse campiona do mundo por primeira vez na súa historia. O combinado nacional impúxose a Xapón na final do 4º Campionato do Mundo, disputada en Granollers, por 1-2, con parciais de 9-13, 17-5 e 5-6.
O título sitúa a Narón no máis alto do panorama internacional deste deporte, cos dous naroneses achegando o seu talento a un logro que a selección española perseguía dende hai tempo. Bermúdez Doce, extremo dereito, e López Porta, gardameta do equipo, formáronse deportivamente no Basketmi Ferrol antes de dar o salto á competición internacional coa camiseta española.
"Que dous naroneses estean hoxe no máis alto do podio mundial é motivo de orgullo para todo o Concello. Grazas por representarnos tan ben” dixo Marián Ferreiro durante o acto de recepción, no que amosou o seu recoñecemento ao esforzo e á traxectoria destes dous deportistas, destacando a importancia de visibilizar o deporte adaptado e o traballo que hai detrás dun título mundial.