O PAZO DA CULTURA DE NARÓN REÚNE O SECTOR ESCÉNICO GALEGO PARA DEBATER SOBRE TEATRO E ESCOLA
Marián Ferreiro defendeu o dereito da infancia a acceder á cultura desde idades temperás na apertura das Xornadas de Escena Galega que presentaron un proxecto de circuíto escénico escolar galego.
Martes, 29 de setembro de 2026. O Pazo da Cultura de Narón acolle este martes, 29 de setembro, as Xornadas Escena Galega, un encontro profesional que se desenvolve de 10.00 a 19.00 horas e que conta co apoio e o financiamento do Padroado da Cultura do Concello de Narón e da Deputación da Coruña.
A apertura institucional correu a cargo da presidenta de Escena Galega, Eva Alonso; da alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro; e da deputada de Plans Provinciais da Deputación da Coruña, Cristina García Rey.
Na súa intervención, Marián Ferreiro deulles a benvida aos asistentes a un escenario que definiu como "referencia do tecido cultural de Narón". "Queremos darvos a benvida a esta nova edición das xornadas que cumpren 15 anos e son un lugar único de debate e reflexión sobre as realidades das artes escénicas en Galicia", dixo a rexedora, que destacou tamén que o encontro chega da man dunha asociación que é "un referente sectorial importante a nivel estatal".
Pola súa banda, Eva Alonso explicou que esta edición, que leva por título "Programacións e circuítos escolares de artes escénicas: modelos, exemplos de boas prácticas e propostas de futuro", xorde dunha profunda preocupación: a perda de programación infantil e para as familias, sobre todo de programación escolar. "En Galicia non existe un circuíto escolar galego estable que permita unha relación normalizada dos profesionais das artes escénicas cos centros de ensino. Pero non queremos falar só do que non temos: hoxe, en Escena Galega, imos presentar un piloto dun circuíto escolar que trataremos de comezar en 2027 e que presentaremos aquí", indicou.
As xornadas profesionais de Escena Galega son, desde hai máis de 15 anos, o único foro estable de debate, reflexión e traballo sectorial para as artes escénicas profesionais en Galicia. Nesta edición o foco está no público e na comunidade escolar, nun momento especialmente ilusionante para a entidade, que está a artellar un proxecto de circuíto escénico escolar galego que agarda que vexa a luz nos primeiros meses do ano que vén.
Nese mesmo sentido, a alcaldesa incidiu no papel das administracións públicas: "A infancia merece ter, entre os seus dereitos, o acceso á cultura desde idades temperás. Un dereito que as administracións públicas debemos protexer e fomentar", sinalou. Ferreiro engadiu que "o teatro, a danza e a música son lugares de encontro e empatía que axudan ás pequenas e pequenos espectadores a desenvolver habilidades, ferramentas e espírito crítico", e citou como exemplo a Mostra de Teatro para a Infancia e Xuventude, MOTIX, que Narón organiza desde hai moitos anos e da que, dixo, se senten "especialmente orgullosas".