Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
NARÓN CONMEMORA O DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS MAIORES CON MÁIS DE 900 INSCRITAS NO PROGRAMA DE ENVELLECEMENTO ACTIVO
O Concello organiza cada ano un amplo abano de actividades destinadas a mellorar a súa calidade de vida e combater o idadismo.
Xoves, 1 de outubro de 2026. Cada 1 de outubro celébrase o Día Internacional das Persoas Maiores, unha xornada que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou en 1990 para recoñecer o papel fundamental das persoas maiores na sociedade e promover os seus dereitos e benestar. As persoas de 60 anos ou máis representan unha parte moi importante da poboación de Narón, e o Concello aproveita a data para reclamar que a sociedade as recoñeza e as valore como parte esencial do tecido social, que combata o idadismo e que garanta os seus dereitos ao longo de toda a vida. Con este obxectivo, o Concello organiza cada ano un amplo abano de actividades nos centros comunitarios e nos locais sociais municipais para mellorar a calidade de vida das persoas maiores. As desta edición comezaron o 1 de setembro e rematarán o 30 de xuño do ano que vén. Neste curso hai xa 967 persoas matriculadas en 70 talleres, tanto nos grupos centralizados no Centro comunitario municipal Manuela Pérez Sequeiros como nos descentralizados nos locais sociais das parroquias de Piñeiros, Pedroso, A Solaina, San Xiao, San Mateo, Freixeiro, O Val, Sedes, Alto do Castaño, Doso e Xuvia. A oferta divídese en dous programas. O de Envellecemento activo, exclusivo para maiores de 60 anos, inclúe vida en movemento, ximnasia rehabilitadora, informática, memoria, lectoescritura, enredar e cancións de animación. Nas parroquias, este programa completa a súa oferta con labores e pintura, ademais de vida en movemento, ximnasia rehabilitadora e memoria. O programa Comunitario ou Interxeracional está aberto a todas as idades e ofrece pilates, ioga, ximnasia rehabilitadora, ximnasia musical, bailes de animación, baile latino, redes sociais e informática, uso de móbil intelixente, inglés, labores, cantos de taberna, stretching e relaxación-ansiedade. Aínda quedan prazas libres en quince grupos: manualidades, acompañando, informática, informática avanzada, ximnasia rehabilitadora, vida en movemento, memoria, uso de móbil intelixente, bailes de animación, stretching, pelvic training, pilates, inglés, ioga e cantos de taberna. Ademais, a inscrición na lista de agarda segue aberta para cubrir posibles vacantes. “Envellecer non ten por que significar quedar na casa. O envellecemento activo consiste en seguir aprendendo, movéndose e compartindo tempo con outras persoas, e iso é o que queremos facilitar desde o Concello”, indicou a edil de Benestar Social de Narón María Lorenzo. As persoas interesadas en apuntarse a algunha destas actividades poden solicitar máis información no Manuela Pérez Sequeiros os luns, mércores e venres de 8:30 a 14:00 horas, ou nos teléfonos 981 102 152 e 671 383 575. Ademais, con motivo do Día Internacional, este venres 2 de outubro as agrupacións do Centro comunitario municipal celebrarán cunha festa o Día dos Maiores.

<<< Outubro 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
naron.gal