"MEMORIAS DUN NENO LABREGO" ABRE UNHA NOVA EDICIÓN DA MOTIX, A MOSTRA QUE LEVA O TEATRO ÁS AULAS DE NARÓN
Cunha programación para máis de trinta centros de ensino ata o 2 de decembro, esta edición inclúe dúas estreas absolutas de compañías galegas e incorpora funcións con intérprete de lingua de signos.
Martes, 6 de outubro de 2026. A Mostra de Teatro para a Infancia e a Xuventude de Narón (MOTIX) abre este mércores, 7 de outubro, a súa 42ª edición con “Memorias dun neno labrego”, a adaptación teatral da novela de Xosé Neira Vilas que producen Contraproducións e o Centro Dramático Galego, con texto e dirección de Cándido Pazó. As funcións, dirixidas ao alumnado de bacharelato e ciclos formativos, serán os días 7, 8 e 9 de outubro.
A obra conecta a memoria rural, a infancia como suxeito histórico e a experiencia da emigración e da pobreza, e recupera un clásico da literatura galega para as xeracións novas desde a linguaxe teatral contemporánea. Despois chegará “Sueño”, da compañía arxentina Criolla, os días 22 e 23 de outubro, para 6º de primaria e ESO. Entre o 25 e o 27 de outubro será a quenda de Redrum Teatro con “Os contos do Lobicán”, un espectáculo de monicreques musical e en verso, co texto de Eva Mejuto, premiado cos María Casares.
A programación continúa en novembro con “Formas”, de Caramuxo Teatro, para bebés de 0 a 3 anos, os días 16, 17 e 18, e pecha o 30 de novembro e o 1 e o 2 de decembro con “Panxea”, de Ghazafelhos, para alumnado de 2º a 5º de primaria. Estes dous últimos títulos son estreas absolutas de compañías galegas desta edición. Máis de trinta centros de ensino de Narón e da contorna participan nunha mostra que mantén as funcións en horario lectivo e abre tamén sesións familiares.
A MOTIX naceu en 1984 como Mostra de Teatro Infantil Galego "Xeración Nós" e leva máis de catro décadas sen interrupción. Reúne de media ao redor de 8.000 espectadores, programa un 90% en galego e foi pioneira na programación estable para a primeira infancia. Esta edición inclúe funcións con intérprete de lingua de signos e dous cursos de formación para profesionais, a cargo de Cándido Pazó (dirección escénica) e Emi Candal (distribución).
A mostra arranca unha semana despois das Xornadas Escena Galega, celebradas o 29 de setembro no Pazo da Cultura. Nelas, a presidenta da asociación, Eva Alonso, lembrou que en Galicia non existe un circuíto escolar galego estable e anunciou un piloto que aspira a comezar en 2027.
A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, destacou que "levamos 42 edicións demostrando que o teatro na escola pode ser algo estable e non unha actividade externa. Cando o sector fala de construír un circuíto escolar galego, en Narón podemos achegar a experiencia de que funciona se hai continuidade, apoio público e centros implicados. Este ano comezamos con 'Memorias dun neno labrego’, que lle devolve ás xeracións novas unha parte da nosa memoria".
A MOTIX está organizada polo Padroado da Cultura do Concello de Narón, coa colaboración da Deputación da Coruña e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).