O domingo 18 de outubro o Recinto Feiral do Trece reunirá apicultores, demostracións culinarias, relatorios técnicos e degustacións gratuítas durante toda a xornada.
Venres, 9 de outubro de 2026. A XXV Feira do Mel e da Produción Primaria reunirá o domingo 18 de outubro, no Recinto Feiral do Trece, en Sedes, ata nove postos de apicultores que levan o selo do concurso galego “Mel Cinco Estrelas”. A concelleira de Festas, Mar Gómez, presentou este xoves a cita xunto co responsable comarcal da Asociación Galega de Apicultura (AGA-Daga Ferrolterra), Rafael Díaz.
Mar Gómez asegurou que “Chegar á edición vinte e cinco di moito do traballo de quen leva anos apostando por esta feira. É unha boa oportunidade para coñecer de preto o que se produce aquí e para levar a casa produto de proximidade”.
Díaz explicou que todos os produtores que acoden á Feira do Mel de Narón obtiveron o recoñecemento no certame “Mel Cinco estrelas” no que participan centos de apicultores galegos e no que se selecciona o mel máis premiado. “A de Narón é a única feira á que veñen os apicultores galardoados”, sinalou.
O responsable da AGA lembrou que a cita ten unha longa traxectoria detrás e destacou o traballo de formación que a asociación leva a cabo: “Levamos moitos anos formando xente, e o nivel que temos aquí é moi bo”. Ese nivel reflíctese, segundo Díaz, nos resultados do concurso. Dos seis meles premiados o ano pasado co «Mel Cinco Estrelas», dous son de veciños de Narón, que obtiveron os premios ao mel monofloral de érica e ao mel monofloral de eucalipto. Os gañadores do certame volverán estar na feira, polo que o público poderá probar unha ampla mostra do mel galego máis recoñecido, entre él de Narón.
A feira abrirá as súas portas ás 11:00 horas e, media hora despois, o percebeiro Xesús Outes Dasilva, da Confraría de Pescadores de Ferrol, achegará as súas “Vivencias dun percebeiro” nun relatorio técnico. Ás 12:00 horas haberá unha demostración culinaria, “Cociñando con mel”, e ás 13:00 horas a propia Confraría ofrecerá outra demostración con degustación de produtos do mar. A seguir, de 13:00 a 14:00 horas, será a quenda da sesión vermú, antes do peche para xantar, de 14:00 a 16:00 horas.
A tarde comezará ás 17:00 horas co relatorio “Polinización e biodiversidade, a importancia das abellas”, a cargo do técnico apícola Rafael Díaz. Ás 17:30 horas chegará o magosto e, ás 18:00, a presentación e degustación dos meles gañadores do concurso “Mel Cinco Estrelas”.
Durante toda a xornada haberá obradoiros infantís, actividades divulgativas no posto de AGA e exposicións de láminas didácticas monitorizadas, ademais dun sorteo de cestos cos produtos da feira entre as persoas asistentes. Tamén se poderá degustar gratis pan e queixo do país con “Mel Cinco Estrelas”, de 12:00 a 13:30 horas e de 17:00 a 19:00 horas.
A XXV Feira do Mel e da Produción Primaria está organizada polo Concello de Narón coa colaboración de AGA-Daga Ferrolterra. O Concello convida a veciñanza e a todas as persoas interesadas a achegarse ao Recinto Feiral do Trece este próximo 18 de outubro.