Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ESCOLA DE BENESTAR ABRE O CURSO COA CHARLA DO PISCÓLOGO JAVIER AZNAR SOBRE O PODER CURATIVO DO RELATO
Especialista no traballo con vítimas de violencia, ofrece unha conferencia aberta o sábado 17 de outubro ás 11:00 horas no Café Teatro do Pazo da Cultura.
Venres, 9 de outubro de 2026. A Escola de Benestar do Concello de Narón comeza o curso coa conferencia do psicólogo Javier Aznar, que baixo o título “Contar a miña historia: por que a nosa narrativa pode enfermarnos e tamén curarnos” achegará ao público a relación entre os relatos que construímos sobre a nosa vida e a nosa saúde emocional. Será o próximo sábado 17 de outubro, ás 11:00 horas, no Café Teatro do Pazo da Cultura de Narón. A entrada é de balde, ata completar capacidade. Javier Aznar é psicólogo clínico, psicoterapeuta e supervisor, con máster en terapia familiar, neurociencias e bioética, e está especializado no traballo con persoas vítimas de violencia. Dirixe na Coruña o Instituto de Psicoterapia Relacional e Narrativa (IPReNa), un centro que atende persoas que afrontan experiencias de trauma relacional e duelo. Ademais, supervisa equipos e institucións de atención a menores en situación de desamparo e a persoas con trauma complexo. Colabora tamén co grupo de innovación docente en práctica narrativa da Universidade da Coruña. O seu traballo sitúase entre a psicoloxía narrativa e a teoría do apego. Parte da idea de que o trauma relacional, sobre todo na infancia e na adolescencia, quebra a continuidade da experiencia e a capacidade de dar coherencia ao que nos pasa. Nesa liña, recuperar a posibilidade de contar a propia historia doutro xeito, con seguridade e con acompañamento, forma parte do proceso de cura. A concelleira de Benestar, María Lorenzo, destaca a oportunidade de traer a Narón este debate. “Todas levamos dentro unha historia sobre quen somos e sobre o que nos pasou, e a maneira de contala pode pesarnos ou axudarnos a seguir adiante. Que nos visite un profesional co percorrido de Javier Aznar é unha ocasión para deternos neste punto”. Lorenzo anima a veciñanza a achegarse ao Café Teatro. “A Escola de Benestar quere ser un espazo para coidarnos entre todas as persoas, e esta primeira charla do curso é unha boa maneira de comezar. Aquí todo o mundo ten cabida”, sinalou a concelleira.
Descarga de archivos
Tamaño:897,52 KB

<<< Outubro 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
naron.gal