Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A PISTA POLIDEPORTIVA DE DOSO ACOLLERÁ ESTE SÁBADO A VIXÉSIMO SÉTIMA EDICIÓN DA RECREACIÓN DA ESFOLLA
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou a convocatoria xunto con Severo Castro e Vanesa Fernández, da AVV A Naveira, de Doso
Narón, 10 de novembro de 2026. A parroquia de Doso acollerá este sábado a tradicional Recreación da Esfolla, unha cita que alcanza este ano a súa vixésimo sétima edición. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presentou esta mañá a convocatoria acompañada por Severo Castro e Vanesa Fernández, presidente e secretaria, respectivamente, da AVV A Naveira, de Doso. O Concello e o Padroado da Cultura organizan coa AVV A Naveira este evento, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña. A programación prevista dará comezo ás 17.00 horas na pista polideportiva da parroquia de Doso. Baixo unha carpa instalada para a ocasión desenvolverase un obradoiro de bonecos de follas de maínzo e haberá unha exposición dos realizados nos centros de ensino da cidade, organizados dende o Padroado da Cultura. Nestes últimos, iniciados esta mesma semana, participaron preto de medio milleiro de escolares de quinto e sexto curso de educación Primaria dos colexios Ayala, Santiago Apóstol, A Solaina, Ponte de Xuvia, Virxe do Mar, A Gándara e O Feal. No apartado musical, actuarán durante a xornada os grupos de música e danza tradicional do Padroado da Cultura e tamén as formacións de música tradicional Faíscas da Pontraga e Xistra de Coruxo. A continuación, sobre as 18:30 horas, iniciarase a esfolla do maínzo, na que poden participar as persoas que o desexen. E haberá tamén un concurso de sobremesas, ao que poderán presentar as súas elaboracións as persoas que o desexen, inscribíndose nun espazo habilitado na zona ese mesmo día. Un xurado será o encargado de valorar as sobremesas que, a continuación, se repartirán para degustar entre o público. Un grupo de mulleres da parroquia encargarase tamén de preparar e servir un chocolate quente que se servirá entre as persoas que acudan a esta cita, podendo degustar ademáis castañas e leite. A sétima edición do “campionato mundial de debagado de maínzo” é outro dos atractivos do programa deste evento cultural, dende as 20.00 horas aproximadamente os participantes, un máximo de dez persoas, competirán para debagar nun tempo determinado a maior cantidade posible de maínzo (ata un total de vinte espigas). Dende a entidade veciñal de Doso e o Concello animaron á cidadanía a acudir á recreación da esfolla en Doso, naqueles casos que o consideren, vestidos con roupas tradicionais para ambientar esta celebración. A alcaldesa destacou o labor que realiza ao longo do ano a Asociación de Veciños A Naveira, de Doso e, en particular, por manter viva esta celebración popular xunto co Padroado da Cultura e veciñas e veciños da parroquia, aos que agradeceu o seu labor e implicación”.

<<< Novembro 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal