APROBADA NO PLENO A PROPOSTA DE MODIFICACIÓN DAS ACTUAIS TARIFAS DE TAXI DE APLICACIÓN URBANA
Na sesión plenaria aprobouse unha modificación de crédito a través da que se destinarán achegas económicas a varias entidades e centros de ensino
Narón, 26 de novembro de 2026. Na sesión plenaria desta tarde aprobouse a proposta de modificación das tarifas actuais de aplicación urbana de taxi do Concello. A última revisión das mesmas realizouse no ano 2023 e dende o sector alegaron á variación anual do IPC, a aprobación do IX Convenio colectivo nacional para o sector de auto taxis, o encarecemento dos seguros de responsabilidade civil e o incremento dos prezos dos combustibles para proceder á citada revisión, para garantir a viabilidade económica da actividade.
A Asociación Radio Taxi Narón presentou o pasado mes de setembro un estudo económico no Concello solicitando a aprobación deses cambios e o pasado 23 de outubro publicouse no BOP o anuncio de información pública desas tarifas, que estiveron expostas tamén no Consistorio co fin de que se puidesen presentar alegacións.
A proposta sobre a continuidade na prestación do servizo do ciclo integral da auga por parte da empresa Cosma saíu adiante na sesión plenaria celebrada esta tarde no Consistorio. Dende o goberno local recordouse que o vindeiro 11 de xuño do 2027 remata a xestión da actual empresa, segundo se recolle nos actuais estatutos da compañía. Co trámite realizado hoxe, e en base aos informes técnicos pertinentes, a empresa continuará coa súa labor ata que teña lugar a nova concesión, un proceso no que se está traballando, tal e como se recordou.
Na sesión tamén se aprobou a conta xeral de 2025 e deuse conta de varios informes cumprimento de pago de obrigas, as contas anuais de Cosma do exercicio 2025 e de execucións orzamentarias.
Así mesmo, aprobouse unha modificación de crédito en base á que se destinarán partidas á Asociación Galega de Apicultura, o Centro de Recursos Solidarios de Narón, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a Asociación de Exalcohólicos de Ferrolterra, a Asociación Ferrolana de Drogodependencias, e a Sociedade Cultural e Recreativa A Pombiña. Nun segundo expediente aprobouse unha modificación para destinar tamén achegas económicas a Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, o CEIP A Solaina, o IES Terra de Trasancos e o CPR Santiago Apóstol.
No apartado de mocións aprobáronse as presentadas polo PP para a rehabilitación e mellora da praza da Gándara e a súa contorna; as do PSOE para actualizar a normativa reguladora da agrupación de Protección Civil e para a implantación dun sistema municipal de comunicación e seguimento de incidencias na vía pública. Tamén saíron adiante a presentada polo BNG para apoio institucional, económico e de espazos á Asociación de Fibromialxia e fatiga crónica do Noroeste e á atención das persoas con enfermidades crónicas en Narón e a dos grupos do PP, BNG e PSOE para a conservación e o mantemento do patrimonio de Narón con especial atención ao castro de Eiravedra e a mámoa grande.
Fóra da orde do día o BNG presentou unha moción para a mellora e actualización das subvencións nominativas no Plan Estratéxico de Subvencións 2027-2029.