Son gratuitos, se desenvolverán en setembro e o prazo para matricularse é do 8 ó 31 de agosto de 2011.
Narón, 3 de Agosto de 2011.- O Concello de Narón, a través do Servizo de Normalización Lingüística –dependente da Concellaría de Cultura, e subvencionado pola Deputación da Coruña e a Secretaría Xeral de Política Lingüística- ven de convocar tres cursos de lingua galega, que se desenvolverán no mes de setembro de 2011 co fin de mellorar a competencia lingüística e comunicativa da cidadanía.
Os cursos están orientados tanto ós veciños/as de Narón coma ó persoal que traballa na administración municipal, ofertándose os seguintes:
“O Galego no comercio”. Dirixido ó persoal que traballa no sector do comercio e á cidadanía en xeral, coa finalidade de mellorar a súa competencia en lingua galega e de reflexionar sobre a importancia de empregar o galego no ámbito do comercio.
“A linguaxe administrativa”. Dirixido ó persoal que traballa na administración e á cidadanía en xeral, coa finalidade de dar a coñecer o estilo e as características da linguaxe administrativa, así como a redacción de documentación.
“O sexismo na linguaxe”. Dirixido ó persoal que traballa na administración e á cidadanía en xeral, coa finalidade de contribuír ó emprego dunha lingua non sexista nin discriminatoria.
Calendario de cursos dirixidos á cidadanía en xeral:
*O galego no comercio:do 5 ó 16 setembro, de luns a venres na AVV de A Gándara en horario de 20:30 a 22:30 (20 horas)
*O sexismo na linguaxe: do 5 ó 16 setembro, de luns a venres na AVV de A Gándara en horario de 18:30 a 20:30 (20 horas)
*A linguaxe administrativa: do 19 ó 30 setembro, de luns a venres na AVV de A Gándara en horario de 18:30 a 20:30 (20 horas)
Calendario de cursos dirixidos ó persoal da administración local:
*A linguaxe administrativa: do 5 ó 16 setembro, de luns a venres na Casa do
Concello en horario de 08:00 a 10:00 (20 horas)
*O sexismo na linguaxe: do 19 ó 30 setembro, de luns a venres na Casa do
Concello en horario de 08:00 a 10:00 (20 horas)
Os interesados poden inscribirse no Rexistro Xeral do Concello, entre o 8 e o 31 de agosto (ambos inclusive). Deberán presentar unha solicitude que se lles entrega no propio Rexistro, e a fotocopia do DNI ou do Pasaporte. Os cursos son gratuitos.