Son xa máis de 58.000 volúmenes os que se poden consultar neste servizo público.
Narón, 23 de Febreiro de 2012.- O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a Concelleira de Bibliotecas, Mª del Carmen Espada, recibiron hoxe na Biblioteca Municipal do Alto ó socio nº 14.000, a quen lle fixeron unha distinción por ter acadado esta cifra no día de hoxe.
O novo asociado é Ismael Caamaño Lestón, un neno de 4 anos de idade veciño de Narón, que ten a honra de dispor deste número. Con tal motivo, o rexedor naronés ensinoulle o rincón de lectura para nenos/as do que dispón a Biblioteca Municipal do Alto do Castiñeiro, e entregoulle un lote de libros de literatura infantil.
Aberta ó público no ano 1986, a Biblioteca Municipal do Alto do Castiñeiro dispón na actualidade de máis de 58.000 volúmenes divididos entre monografías, documentos sonoros (cds), documentos audiovisuais (dvds) e electrónicos (cd rom e dvd electrónicos). O número de persoas que pasa diariamente por estas instalacións (para consultar libros, estudiar ou leer, solicitar o préstamo ou devolver os libros, ou realizar actividades informáticas) supera os 180 usuarios ó día.
Pero ademáis, na Biblioteca Municipal realízanse outro tipo de actividades coma o programa de extensión socioeducativa “Bibloespazo 4” que ten como obxectivos a animación á lectura e a promoción da biblioteca coma espazo de participación dos veciños/as nos ámbitos da música, a pintura ou a curiosidade científica. Parte deste programa Bibloespazo 4 tense desenvolvido nos últimos meses, coa exposición da pintora Ana Vigo (cadros pintados con carboncillo) o unha mostra fotográfica do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
En vindeiras datas está previsto continuar con outras accións na Biblioteca coma Obradoiros (de Igualdade, Comercio Xusto e consumo responsable, Cooperación Internacional, ou técnicas para elaborar e confeccionar un libro), o Programa de dinamización de neolectores (na propia biblioteca e nos centros escolares), Exposicións temáticas de libros, Trocacontos, e Audicións musicais.