O CONCELLO ACOLLEU ESTA MAÑÁ UN ACTO INSTITUCIONAL CON MOTIVO DO DÍA MUNDIAL DA SAÚDE MENTAL
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu o acto xunto co presidente de la asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, Félix Pena
Narón, 10 de outubro de 2024. “Traballo & Saúde mental” é o lema baixo o que se conmemoran este ano os actos do Día Mundial da Saúde Mental. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu a convocatoria celebrada este mediodía, na que tamén participaron o presidente de Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, Félix Pena; unha responsable de Enfermería da Área Sanitaria de Ferrol, Almudena Pérez; os edís de Sanidade, Manuel Ramos, e Benestar Social, María Lorenzo, e os voceiros dos grupos municipais da corporación: Román Romero (TEGA); Germán Castrillón (PP); Olaia Ledo (BNG) e Silvia de Arriba (PSOE). Acudiron ademais usuarias e usuarios da asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, persoal de Aspaneps e persoal do Servizo de Saúde Mental da Área Sanitaria de Ferrol.
O presidente da citada entidade abriu o acto incidindo en que xa en anteriores ocasións se centrou este día no ámbito laboral. “Para a saúde mental o traballo é unha ferramenta moi útil”, asegurou Pena, que recalcou que “aínda quedan estigmas e hai medo ás etiquetas ou ao rexeitamento no mundo laboral por ter un problema deste tipo”. A maiores, reivindicou un sistema de apoio e adaptación igual que o que se habilita para outro tipo de discapacidades e partidas nos orzamentos xerais para dar continuidade ás estratexias de saúde mental, un problema que, tal e como asegurou, “podemos ter todos e todas ao longo das nosas vidas”.
O acto continuou coa lectura do manifesto deste ano, baixo o lema “Traballo e saúde mental, un vínculo fundamental”. Foron dous usuarios do centro, Alejandro Carballo e Nieves Pernas, os encargados de ler o documento, no que se realiza un chamamento sobre o dereito a un traballo digno e o dereito a que a xornada laboral sexa unha vivencia agradable, positiva e enriquecedora. Fortalecer os equipos de prevención de riscos psicosociais e concienciar ás empresas porque as baixas producidas por este tipo de riscos tenden a incrementarse, polo que forman tamén parte das reivindicacións do colectivo.
Nesa mesma liña se pronunciou Almudena Pérez, supervisora de enfermería da Área Sanitaria de Ferrol, que indicou que a saúde mental “é a segunda causa de baixa laboral e ocupa o segundo peor posto en taxa de emprego”. Pérez solicitou a implicación de empresas e administracións e da sociedade en xeral “para promover a saúde dende e no traballo, adoitando medidas contra a precariedade laboral, creando sistemas de apoio e adaptación e facilitando a inserción laboral a persoas con esta discapacidade”.
Finalmente, Félix Pena retomou a palabra para agradecer a implicación do Concello de Narón co colectivo e a continuación a alcaldesa, Marián Ferreiro, pechou o acto. A rexedora local agradeceu a presencia de todos os asistentes e o labor que desenvolve tanto a asociación como o persoal sanitario que día a día traballa con persoas con problemas de saúde mental e as súas familias. En relación ao lema do Día Mundial da Saúde Mental, Ferreiro asegurou que “queda moito traballo por facer na nosa sociedade para concienciar a sensibilizar á poboación sobre esta problemática”, ao tempo que recordou a gran acollida que tiveron as conferencias a cargo de profesionais nesta área e a mostra organizadas polo Concello e abertas á cidadanía en xeral.
A alcaldesa destacou a importancia de “continuar traballando conxuntamente e avanzando” e incidiu no compromiso do Concello de seguir ofrecendo recursos e loitando contra o estigma derivados dos problemas de saúde mental para avanzar cara a unha sociedade máis inclusiva e igualitaria.