A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu o acto, ao que acudiron o presidente e o vicepresidente da Deputación, Valentín González e Xosé Regueira, respectivamente, integrantes da corporación local, persoal das empresas que traballaron na obra, persoal do Concello e de entidades, así como familiares dos antigos propietarios do muíño
Narón, 21 de novembro de 2019. O Centro de Interpretación dos Muíños Indutriais de Xuvia (CIMIX) está xa aberto á cidadanía en xeral. As instalacións acolleron hoxe o acto de inauguración oficial, presidido pola alcaldesa, Marián Ferreiro, e no que participaron tamén o presidente e o vicepresidente da Deputación da Coruña, Valentín González e Xosé Regueira, respectivamente, edís da corporación local e persoal das empresas que traballaron na rehabilitación e na musealización do muíño de Xuvia, así como familiares de los antiguos propietarios de la construcción.
Ao inicio da convocatoria a alcaldesa deu a benvida aos asistentes a esta inauguración e posteriormente deu paso a un vídeo no que se resumen os traballos realizados para recuperar a construción. Ao remate da proxección, Ferreiro tomou novamente a palabra para repasar os trámites realizados dende o Consistorio para poñer en valor esta xoia do patrimonio local, adquirida no ano 2009 cun desembolso de 311.000 euros. Tras unhas primeiras obras de consolidación no tellado e muros, executadas no ano 2010, procedeuse a traballar no proxecto de rehabilitación integral da construción, iniciado no ano 2021 e que supuxeron un desembolso de 1,6 millóns de euros cofinanciados por fondos europeos, a través do programa EDUSI, a Deputación da Coruña e o Concello de Narón. A última intervención foi a musealización, cun investimento de 239.000 euros e tamén cofinanciada polo Concello e fondos da Unión Europea. En conxunto, a actuación supuxo un investimento de preto de 2,8 millóns de euros, dos que o Concello aportou case 1,5.
A rexedora local recordou que esta construción do século XVIII foi construído polos empresarios franceses Juan Lestache e Francisco Bucau, chegando a ser o principal muíño fariñeiro de España na súa época. Así mesmo, agradeceu o traballo de todas as persoas implicadas na recuperación deste muíño, tanto persoal do Concello -exalcaldes, edís e persoal funcionario- como das empresas adxudicatarias das diferentes actuacións levadas a cabo e da AVV Altea, de Xuvia.
O Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia (CIMIX) -www.cimix.gal- abrirá a partir de agora as súas portas os xoves de 10:00 a 14:00 horas e os venres, sábados e domingos de 10:00 a 14:00 e dende as 16:30 ata as 20:30 horas. Na xornada deste sábado, coincidindo co Día de Narón, festividade local, poderase acceder de balde ás instalacións, ao igual que en determinadas datas, como o Día Internacional dos Museos, que se conmemora cada 18 de maio. No resto das xornadas o prezo da entrada xeral será de 3,30 euros por persoa, contemplándose reducións do 50% para familias numerosas, maiores de 65 anos, titulares do carné xove e persoas con diversidade funcional e/ou dependentes e acompañantes no caso de que se acredite a súa necesidade.
Na ordenanza que regula a prestación patrimonial polo acceso e utilización do CIMIX tamén se contempla a posibilidade de alugar espazos para determinados actos.
A alcaldesa da cidade destacou tamén no acto a importancia da colaboración entre administracións para levar a cabo actuacións que requiren dun investimento tan importante como foi o caso do muíño de Xuvia, agradecendo a implicación da Deputación neste proxecto.
Finalmente, Ferreiro e os representantes da Deputación, Valentín Gonzlález e Xosé Regueira, descubriron a placa inaugural do CIMIX para, a continuación, iniciar xunto co resto de asistentes unha visita guiada polas instalacións, a cargo da empresa que as xestiona.