O CONCELLO ABRIRÁ MAÑÁ O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA QUE OS MENORES PARTICIPEN COMO PAXES NA CABALGATA DE REIS
A concelleira de Festas, Mar Gómez, indicou que poderán anotarse menores de entre 3 e 16 anos
Narón, 17 de decembro de 2024. O Concello abrirá mañá ás 9:00 horas o prazo para participar na Cabalgata de Reis, que se celebrará o vindeiro día 5 de xaneiro na cidade. Establecéronse dúas opcións, unha para menores de 3 a 12 anos e outra para mozas e mozos de 11 a 16 anos. En ambos casos, tal e como indicou a edil de Festas, Mar Gómez, os modelos de inscrición estarán dispoñibles dende mañá ata o 20 de decembro, incluído, ás 13:30 horas, podendo tramitarse presencialmente no Rexistro do Concello ou na Sede Electrónica do Concello de Narón.
No caso das nenas e nenos de 3 a 12 anos, que deberán ir sempre acompañados dunha persoa adulta hai 36 prazas e deberán anotarse sempre unha persoa adulta cun máximo de tres menores. Ademais do modelo de solicitude tamén se deberá cubrir neste caso o Anexo I dispoñible na Sede Electrónica (será preciso cumplimentar tantos anexos como menores vaian en cada grupo).
No caso dos paxes de entre 11 e 16 anos, establecéronse un total de nove prazas, tres para cada unha das carrozas que acompañarán aos Reis Magos.
En todos os casos haberá que facilitar o nome completo do/da menor e a súa idade; o da persoa adulta que o acompañará, a talla de roupa que emprega e asinar as autorizacións pertinentes para participar e poder difundir imaxes.
O sorteo das prazas, con carácter público, realizarase o vindeiro luns, 23 de decembro ás 12:00 horas no salón de plenos do Concello.