ROCÍO FORTUNA, BELÉN BELLÓN E SANDRA SALGUEIRO, GAÑADORAS DOS VALES DE COMPRA SORTEADOS NA CAMPAÑA MERCA NADAL EN NARÓN
A alcaldesa, Marián Ferreiro, entregou os premios acompañada da edil de Promoción Económica, Olga Ameneiro, e de Susana Oreona, representante da Asociación de Comerciantes de Narón
Narón, 30 de decembro de 2024. O Concello acolleu esta mañá o acto da entrega dos últimos premios da campaña Merca Nadal en Narón. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a edil de Promoción Económica, Olga Ameneiro, entregaron xunto con Susana Oreona, en representación da Asociación de Comerciantes de Narón, os catro vales de compra que se sortearon a pasada semana entre a clientela que realizou compras nos comercios adheridos a esta iniciativa e depositou nas urnas as papeletas entregadas polos comerciantes.
O premio de 400 euros foi para Rocío Fortuna, veciña de Valdoviño, se ben os de 600 e 1.000 euros recaeron en dúas veciñas de Narón, Belén Bellón e Sandra Salgueiro, respectivamente. Os comercios nos que realizaron as compras as gañadoras foron Alimentación Juana, Baires Moda e Ivory Nails.
Unha vez entregados os vales, terán que realizar, na xornada do 2 ou 3 de xaneiro, as compras por ese importe en alomenos tres dos establecementos adheridos a esta campaña, tal e como se recordou dende o Consistorio. O labor realizarano acompañadas por persoal da organización desta iniciativa, que as levará aos establecementos que indique cada unha delas e de regreso ás súas casas unha vez esgotado o importe dos seus vales.
A entrega destes premios supón o remate da campaña Merca Nadal en Narón, que comezou o pasado 2 de xaneiro. A maiores dos premios entregados hoxe no Concello, tamén se sortearon catro cestas con produtos de Nadal e entregouse un premio ao establecemento participante mellor decorado.
A rexedora local felicitou ás gañadoras destes últimos premios e agradeceu a colaboración de todos os establecementos que se sumaron á iniciativa e tamén da clientela que apostou por realizar as súas compras no pequeno comercio naronés, do que unha vez máis salientou a súa variedade e calidade.