Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
SETE CARROZAS E UN VARIADO NÚMERO DE ESPECTÁCULOS FORMARÁN ESTE DOMINGO A CABALGATA DE REIS NA CIDADE
A Cabalgata sairá ás 18:00 horas da praza do colexio de Xuvia cara á praza de Galicia, onde terá lugar a recepción oficial aos Reis Magos
Narón, 2 de xaneiro de 2025. A praza do colexio de Xuvia será un ano máis o punto de partida da Cabalgata de Reis organizada polo Concello. Este domingo, día 5, a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, encargarase de recibilos nesa ubicación minutos antes das 18:00 horas, para comezar a continuación un percorrido pola estrada de Castela que os levará ata a praza de Galicia, para reunirse coas nenas e nenos da cidade. Sete carrozas e varias propostas artísticas caracterizan este espectáculo de gran formato, “A maxia da noite estrelada”, un desfile de fantasía e lenda onde as estrelas guiarán as carrozas. Será precisamente a carroza da lúa e as estrelas a encargada de guiar á comitiva dos Reis Magos pola cidade, acompañados por un gran anxo alado e varias estreliñas. De seguido irá a mensaxeira real, que levará consigo as ilusións dos máis novos e fará que lles cheguen aos Magos de Oriente todas as cartas que escribiron. A terceira das carrozas será a de Melchor e o branco Nadal, con acróbatas e contorsionistas e zancudos, seguida da de Gaspar, que irá acompañado dunha máxica esfera lunar, zancudos e unha lúa xigante. O rei Baltasar pechará o combo das Súas Maxestades, con fadas de luz nas súas ás que recrearán as estreliñas da noite. A comitiva inclúe unha carroza de Aladín, unha das novidades deste ano, para recordarnos que nestas datas a maxia pode estar máis preto do que imaxinamos. Aladín, Jasmine, un elefante xigante, un xenio zancudo e un grupo de personaxes orientais forman parte deste combo. A continuación irá a Maruxaina, unha serea acompañada polo séquito do capitán Nemo, que inclúe seis grandes medusas luminosas e un pasarrúas. A última carroza é a do carbón, cun carboeiro e os seus axudantes. A amenización musical correrá a cargo da Banda de gaitas do Padroado da Cultura de Narón e a Xove Banda de Narón da Asociación Cultural Musical Sementeira, e tamén haberá espectáculos de danza, con escolas de Narón e Ferrol, tal e como indicaron dende a organización. Unha vez na Praza de Galicia, os Magos de Oriente dirixiranse ás nenas e nenos antes de falar con eles para escoitar os seus desexos e peticións de cara ao día de Reis. Dende o Consistorio recordouse que ao paso das carrozas pola estrada de Castela, haberá restricións no tráfico rodado, debendo empregarse rutas alternativas que estarán debidamente indicadas.

<<< Xaneiro 2025 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
naron.gal