ALUMNADO DE NARÓN, FERROL, PONTEDEUME E CARBALLO PARTICIPOU HOXE NUNHA XORNADA DE FORMACIÓN DO CLUB DE DEBATE ALINGUA
A concelleira de Política Lingüística, María Lorenzo, destacou este proxecto encamiñado a fomentar o uso oral do galego
Narón, 15 de xaneiro de 2025. O Pazo da Cultura acolleu hoxe unha xornada de formación do Club de Debate Alingua, un proxecto de dinamización lingüística que ten entre os seus obxectivos, entre outros, incrementar o uso oral do galego, tal e como indicou a concelleira de Política Lingüística, María Lorenzo. A edil naronesa explicou que acudiron á convocatoria alumnas e alumnos do IES As Telleiras e do CPI Santiago Apóstol de Narón; dos IES Saturnino Montojo, Concepción Arenal e Canido, de Ferrol; do IES Breamo, de Pontedeume, e do IES Alfredo Brañas, de Carballo.
A iniciativa diríxese a alumnado de terceiro e cuarto curso da ESO e de primeiro de bacharelato dos centros de ensino dos concellos participantes e iniciouse esta semana con tres xornadas de formación en habilidades e oratoria realizadas, ademais da de hoxe en Narón, nos concellos de Pontevedra e Rois. Os servizos de normalización lingüística destas tres localidades, a maiores dos de Ames, Carballo, Ferrol, Pontedeume, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo, Val do Dubra, Vilagarcía de Arousa e Ribeira impulsan esta convocatoria. Durante a mesma, as persoas participantes tiveron tamén a oportunidade, tal e como indicou a edil naronesa, de aprender técnicas para mellorar a comunicación oral e coñecer a importancia da comunicación non verbal. Ao mesmo tempo, recibiron algúns consellos para empregar nos debates e o tema que terán que defender e refutar na fase clasificatoria que terá lugar a finais do vindeiro mes de febreiro: “A masificación turística é un problema en Galicia”. Promover a reflexión, o pensamento crítico e o intercambio de opinións entre a mocidade figuran tamén entre os obxectivos deste proxecto.