A concelleira de Feiras e Mercados, Mar Gómez, valorou a celebración do evento esta fin de semana na Casa da Mocidade e en colaboración coa Asociación Ferro Vello
Narón, 9 de marzo de 2025. Novo éxito de público na quinta edición da Feira de antigüidades, coleccionismo e vintage organizada polo Concello de Narón e a Asociación Ferro Vello. O evento programado para as xornadas de onte e hoxe no pavillón da Mocidade, na Gándara, reuniu a centos de persoas que durante os dous días -continúa esta tarde- se achegaron para ver o que se ofrecía na trintena de postos de anticuarios habilitados. “Estamos moi satisfeitos con esta feira, que edición tras edición ten unha excelente acollida, o que a vai consolidando na nosa cidade non só entre a veciñanza de Narón e comarca senón tamén entre todas as persoas que traen os seus postos de venda para dar unha segunda vida a diferentes produtos”, sinalou a edil de Feiras, Mar Gómez.
A concelleira naronesa estivo onte e hoxe na feira e conversou cos representantes da Asociación Ferro Vello e tamén con anticuarios participantes no evento, procedentes de diferentes puntos de Galicia pero tamén doutras comunidades, como Asturias, Cantabria, Castela León, País Vasco… e tamén do veciño Portugal, concretamente de Oporto. Libros, discos, artículos de decoración, mobiliario, aparellos de labranza, porcelana, xoguetes, pezas de xoiería… foron algúns dos artículos postos á venda nesta feira, nun espazo duns 1.200 metros cadrados.
Dende a Asociación Ferro Vello destacaron tamén as vendas rexistradas e agradeceron aos visitantes a “boa acollida” e ao Concello “a súa implicación para levar a cabo este evento, do que levamos xa cinco edicións que fan desta unha feira consolidada no calendario local”.
Mar Gómez agradeceu a asistencia de todas as persoas que acudiron á feira, como visitantes ou como anticuarios cos seus postos, e valorou o feito de poder organizar este tipo de convocatorias que teñen tan boa acollida”.