O CONCELLO ACOLLEU UNHA RECEPCIÓN INSTITUCIONAL A TRES MENORES QUE PARTICIPAN NO PROGRAMA VACACIONES EN PAZ
Marián Ferreiro estivo acompañada por voceiros e edís da corporación local, entre eles a responsable de Igualdade e Benestar Social, María Lorenzo
Narón, 16 de xullo de 2025. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presidiu esta mañá a recepción oficial que tivo lugar no Concello aos tres menores saharauis que pasarán o verán con familias de acollida da cidade. No acto estiveron tamén a edil de Igualdade e Benestar Social, María Lorenzo, os voceiros de Terra Galega, Román Romero; BNG, Olaia Ledo; do PSOE, Silvia de Arriba e a concelleira do PP Tania Pardo.
Hafdala, Said e Zainab chegaron ao Consistorio acompañados polas familias coas que están desfrutando dos seus primeiros días na cidade, os dous nenos xa por cuarto ano consecutivo, afastados das elevadas temperaturas que nestas datas se alcanzan nos campamentos de refuxiados de Tinduf, en Arxelia.
Ferreiro deulles a benvida á cidade e interesouse por coñecer as súas primeiras impresións na cidade nestes primeiros días, e onde permanecerán ata o mes de setembro. Dende o Concello entregóuselles como agasallo unha mochila e tamén un vale para canxear por material didáctico nun establecemento local, por importe de 60 euros.
A alcaldesa desexoulles unha boa estancia na cidade aos menores e destacou “o papel fundamental que xogades todas as familias de acollida, que facedes posible a continuidade deste programa”. A maiores, destacou o labor da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui “por impulsar na nosa comunidade este programa e pola axuda e o contacto permanente que, xunto coas familias, mantedes ao longo do ano co pobo saharaui”.