Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O XI TROFEO CIDADE DE NARÓN ENFRONTA A DOUS GRANDES RIVAIS DO FÚTBOL SALA COMARCAL
O fútbol sala será protagonista en Narón o próximo martes 30 de decembro coa celebración do XI Trofeo Cidade de Narón, unha cita xa clásica no calendario deportivo local que volverá encher de ambiente o Pavillón da Gándara a partir das 21:00 horas. Sobre a pista estarán o Cidade de Narón e O Esteo F. S. das Pontes, dous equipos con ampla traxectoria e unha rivalidade que garante intensidade e espectáculo.
A presentación oficial do trofeo contou coa presenza do concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, e do secretario do club Cidade de Narón, Roberto Ortega, que destacaron o valor deportivo e social deste tipo de eventos, especialmente nunha data sinalada como o Nadal. A competición está organizada polo Padroado de Deportes do Concello de Narón e conta co apoio da Real Federación Galega de Fútbol, reforzando así o o compromiso co impulso do fútbol sala na comarca. O Cidade de Narón chega a esta cita como un dos clubs históricos da disciplina en Galicia, cun pasado recente ligado ás categorías estatais e cun papel destacado durante varias tempadas na Segunda División B, incluíndo fases de ascenso. Pola súa banda, O Esteo F. S., referente do fútbol sala nas Pontes, consolidouse nos últimos anos como un rival sólido e competitivo, protagonista habitual dos derbis comarcais e das principais competicións autonómicas. Os enfrontamentos entre ambos os dous equipos sempre se caracterizaron pola igualdade e pola intensidade, converténdose nun atractivo tanto para a afección local como para os seguidores do fútbol sala da contorna de Ferrolterra. Desde a organización animan o público a achegarse ao Pavillón da Gándara para gozar dun encontro atractivo, cun ambiente festivo e coa emoción dun derbi que servirá para pechar o ano ao máis alto nivel deportivo.
Descarga de archivos
Tamaño:282,46 KB

<<< Decembro 2025 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
naron.gal