NARÓN ABRE UN PROCESO INFORMATIVO COAS ENTIDADES PARA ABORDAR O NOVO REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ
O Concello de Narón, a través da Escola de Participación Cidadá, celebra esta semana dúas reunións abertas ás entidades do municipio para explicar o contido e as principais novidades do novo Regulamento de Participación Cidadá.
Martes, 4 de marzo de 2026. As citas serán este xoves 5 de marzo, de 19:00 a 20:30 horas, no Centro Cívico Social de San Mateo, e o sábado 7 de marzo, de 10:00 a 11:30 horas, no Auditorio de Narón (praza de Galicia). A participación require inscrición previa a través da ligazón habilitada pola organización: https://i.gal/EPC_reuregulamento
O Regulamento de Participación Cidadá é a norma municipal que establece os mecanismos e canles a través dos que a veciñanza e o tecido asociativo poden intervir na vida pública local. Nel recóllense os dereitos e deberes das entidades, os instrumentos de consulta e proposta, así como o funcionamento dos órganos de participación, entre eles o Consello Xeral de Participación Cidadá.
Desde o Concello subliñan que este documento resulta clave para reforzar a transparencia, ordenar os procesos participativos e garantir que as achegas das asociacións e colectivos teñan encaixe real na toma de decisións municipais. A súa actualización busca adaptar o marco normativo á realidade actual do municipio e mellorar a coordinación entre administración e sociedade civil.
As reunións convocadas esta semana teñen carácter informativo e complementan o traballo que se desenvolve no seo do Consello Xeral de Participación Cidadá. Durante as sesións compartirase información práctica sobre o alcance do regulamento, os cambios introducidos e as posibilidades que abre para as entidades locais.
O goberno local anima as asociacións culturais, veciñais, deportivas, sociais e de calquera outro ámbito a participar nestes encontros para coñecer de primeira man o texto e formular as súas dúbidas ou achegas.
Para resolver calquera cuestión, as persoas interesadas poden contactar coa Escola de Participación Cidadá no teléfono 603 865 413 ou no correo electrónico escolaparticipacion@naron.gal.