A ESTRADA MIGUEL DE CERVANTES PÉCHASE Ó TRÁFICO PARA REFORMAR A PONTE SOBRE O RÍO FREIXEIRO
Trátase dunha actuación cofinanciada polos fondos Feder, que se realizará nun prazo de dous meses.
Narón, 17 de Xaneiro de 2011.- A estrada Miguel de Cervantes permanecerá pechada ó tráfico rodado dende o vindeiro 20 de xaneiro, por mor das obras de reforma da Ponte que cruza sobre o Río Freixeiro, xa que debido ás chuvias inúndase con frecuencia.
Dende esa data e durante os vindeiros dous meses, non estará permitida a circulación de vehículos nesta estrada, pero sí poderán transitar –co debido cuidado- os peóns. A Policía Local de Narón suxire ós conductores empregar outros viais alternativos para chegar á Estrada de Castela dende O Cadaval, coma as rúas Areosa ou Santiago.
Esta obra será cofinanciada entre os fondos FEDER da Unión Europea e o Concello de Narón, cun orzamento total de 400.298€. Os traballos consistirán na reconstrucción da ponte sobre o río, proporcionándolle maior altura sobre o mesmo e disminuíndo o punto de inflexión actual. Deste xeito, o paso do río Freixeiro sobre a nova ponte será máis amplio o que evitará a contención de augas en épocas de crecida, que provocaba frecuentes inundacións.
O obxectivo desta obra é a mellora do entorno natural e a calidade medioambiental, evitando as inundacións sobre as terras colindantes e incrementando a seguridade vial do lugar.