O CONCELLO ABRE O LUNS O PRAZO DE INSCRICIÓN NUN OBRADOIRO CREATIVO PARA MENORES DE 12 A 15 ANOS
A iniciativa desenvolverase na Casa da Mocidade en horario de mañá durante catro días de decembro, tal e como avanzou o edil de Mocidade, Ibán Santalla
Narón, 27 de novembro de 2026. O concelleiro de Mocidade, Ibán Santalla, informou sobre a apertura, o vindeiro luns día 30, do prazo de inscrición na actividade Narón desenterrado. Trátase dunha iniciativa dirixida a menores con idades comprendidas entre os 12 e os 15 anos, tendo preferencia as persoas empadroadas en Narón.
O programa desenvolverase os días 19, 22, 23 e 24 de decembro nas instalacións da Casa da Mocidade e habilitaranse dous grupos, con dez prazas como máximo cada un deles. Durante dúas horas –de 10:00 a 12:00 ou de 12:00 a 14:00, según a quenda- os menores abordarán en contidos que lles permitirán investigar sobre o noso pasado, crear elementos 3D… traballando en equipo e fomentando a creatividade do grupo.
Patrimonio e investigación, alfabetización dixital e IA, deseño tridimensional, fabricación dixital, realidade aumentada e edición e competencias transversais forman parte dos contidos deste obradoiro creativo.
Santalla avanzou que as rapazas e rapaces que desexen inscribirse poden facelo dende o luns a través da Sede electrónica do Concello, no rexistro municipal ou a través dos lugares e rexistros contemplados nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A inscrición é de balde e o prazo rematará unha vez se esgoten as 20 prazas ofertadas, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición.