A alcaldesa, Marián Ferreiro, emitiu un bando para solicitar a colaboración cidadá co fin de colocar durante a primavera as trampas que permitan capturar ás raíñas para tratar de evitar a proliferación de niños de vespas velutinas
Narón, 7 de marzo de 2021. O Concello iniciou unha nova campaña de prevención e control da vespa velutina a través do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento de Narón (Speis). A alcaldesa, Marián Ferreiro, asinou un bando no que solicita a participación da cidadanía para poder capturar, coincidindo coa tempada primaveral, o maior número de raíñas posible ata finais do mes de maio, época na que se recomenda realizar o trampeo por coincidir coa fase na que as vespas velutinas constrúen os seus niños primarios e comeza a actividade nos mesmos.
Ferreiro apelou á colaboración cidadá para implicarse no trampeo para evitar a proliferación dos niños no concello, co conseguinte risco que supón para as persoas. A rexedora local recordou que o Consistorio colabora un ano máis coa Asociación Galega de Apicultura nesta iniciativa para trasladar unha mensaxe dirixida específicamente á veciñanza da zona rural: “Se non queres un niño de velutina próximo á túa vivenda pon un par de trampas na túa horta ou xardín”. Así mesmo, recordou que o trampeo pode realizarse ata finais do vindeiro mes de maio e agradeceu de antemán a colaboración cidadá nesta iniciativa.
Colocar as trampas en lugares soleados, instalalas de xeito selectivo para evitar que entren outros insectos polinizadores e introducir un atraínte eficaz son claves, tal e como indicaron dende a Asociación Galega de Apicultura, para que o trampeo resulte efectivo. As trampas e o líquido atraínte poden ser caseiros, como a cera vella fermentada, cervexa negra, sirope de grosella ou de arándanos… que deben repoñerse aos 7 ou 15 días de colocalos por vez primeira, dependendo do tempo -porque se fai calor evapórase antes- e do volume de vespas capturadas, indicaron.
A alcaldesa recordou que o pasado ano os profesionais do Speis realizaron un total de 301 intervencións vencelladas a servizos apícolas. “A maior parte desas intervencións, un total de 165, correspondéronse con inspeccións realizadas en diferentes puntos do termo municipal, se ben tamén se levaron a cabo 91 extraccións de niños a través do sistema de neutralización e cremáronse 28 niños in situ, entre outras actuacións”, apuntou Ferreiro.
Así mesmo, recordou que no mes de xuño xeralmente é cando se incrementan os servizos do Speis vencellados ao tema apícola, “polo que é moi importante que nestes meses da primavera se realicen traballos de colocación de trampas para controlar e erradicar na medida do posible a propagación da vespa velutina”, recalcou.