ABERTO O PRAZO PARA SOLICITAR A BONIFICACIÓN DAS TAXAS DE SANEAMENTO , LIXO E AUGA
O Concello cubre ata o 75% do prezo da taxa, para as persoas que cumpran os requisitos aquí sinalados. O impreso de solicitude pode descargarse nesta web.
Narón, 21 de xaneiro de 2010.- A Concellería de Servizos Sociais Xerais, dirixida polo edil Miguel Hermida, mantén aberta ata o vindeiro 29 de xaneiro a convocatoria para solicitar a bonificación das taxas de saneamento, lixo e auga, que nalgúns casos poden chegar ata o 75% do total.
Os interesados poden descargar nesta páxina web o impreso de solicitude, que deberase presentar no Servizo Sociocomunitario (1º andar do Concello) en horario de mañá. Tamén pode solicitarse directamente no propio servizo.
Unha vez cuberto o impreso, deberán entregalo no Rexistro de Entrada do Concello xunto con unha fotocopia compulsada da Declaración da Renda do ano 2008 e xustificantes de ingresos actuais. Para aquelas persoas que non estean obrigadas a presentala, entregarán dous documentos acreditativos dos ingresos de toda a unidade familiar. Os que paguen alugueiro presentarán unha fotocopia compulsada do contrato e máis do último recibo pagado.
Os requisitos para acceder a esta axuda son ter uns ingresos inferiores ó 100% do IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiplos) nas unidades familiares de ata 2 persoas, 120% nas de ata 4 persoas, e 150% nas de máis de 4. Dos ingresos da unidade familiar, deduciranse os custos do alugueiro da vivenda.