A BIBLIOTECA ACOLLERÁ ESTE XOVES A PRESENTACIÓN DO LIBRO "SIN PRUEBA APARENTE", DE JUAN JOSÉ LADA VILARIÑO
A edil de Bibliotecas, Olga Ameneiro, informou que o acto dará comezo ás 18:30 horas na sala multiusos
Narón, 21 de maio de 2024. A sala multiusos da planta soto da Biblioteca municipal acollerá este xoves, día 23, a presentación do libro “Sin prueba aparente”, do escritor Juan José Lada Vilariño. A concelleira de Bibliotecas, Olga Ameneiro, informou que o acto dará comezo ás 18:30 horas e estará aberto á asistencia de público en xeral, ata completar a capacidade da sala.
A tamén escritora Isabel Ramos Breijo, veciña de Narón, acompañará a Lada na presentación da súa última obra, unha apaixoada novela protagonizada por Tomás, un garda civil retirado que repasa os tres casos que marcaron a súa carreira. Unha serie de asasinatos que aconteceron en Galicia; un roubo a un poderoso empresario textil con conexión no mundo do narcotráfico e unha gala de graduación que remata en traxedia co asesinato dun alumno son eses tres casos nos que se sustenta o libro de Juan José Lada.
O autor, nado en Bélxica, de pai asturiano e nai galega, publicou anteriormente outras obras, como El tesoro de Artabria (2020); Las minas de Santa Comba (2021) e El oro de Himmler (2022), todas elas presentadas no seu día na Biblioteca municipal de Narón.
Ao remate da presentación de “Sin prueba aparente” todas as persoas que o desexen poderán adquirir un exemplar.