O CONCELLO E O CENTRO DE RECURSOS SOLIDARIOS ORGANIZAN UNHA RECOLLIDA DE AXUDA PARA AS PERSOAS AFETADAS POLA DANA EN VALENCIA
Instalacións municipais e supermercados da zona, así como o SPEIS, sumáronse a esta iniciativa, tal e como indicou a edil de Benestar Social, María Lorenzo
Narón, 4 de novembro de 2024. O Concello de Narón e o Centro de Recursos Solidarios organizan unha recollida de axuda que se destinará ás persoas afectadas pola DANA en Valencia. Con esta finalidade, abriranse as instalacións do Centro de Recursos Solidarios, ubicado no polígono da Gándara (nas inmediacións do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz), de luns a venres entre as 10.00 e as 13.00 e dende as 16.30 ata as 19.30 horas.
A concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, indicou que tamén se instalará un colector de recollida no pavillón polideportivo municipal da Gándara e nas instalacións do SPEIS, no polígono de Río do Pozo. Así mesmo, tamén os haberá na Cooperativa do Val (O Val e Xuvia), supermercado Migros (Xuvia) e no Centro Comercial Narón.
En canto á recollida, recordouse que dende a Federació Valenciana de Municipis i Provincies prioriza que se doen auga, leite, fiames, pan de molde, latas de atún, artigos de limpeza persoal e doméstica, cueiros e compresas.