RUTA DA COSTA ATLÁNTICA
Saída: Praia de Ponzos
Lonxitude: 13 Km.
Interese: Paisaxístico-Arquitectónico
Dificultade: Baixa
Este camiño, de trece quilómetros de longo, esténdese pola breve costa atlántica do Concello de Narón. Parte da praia de Ponzos e decorre pola beira dos cantís, dende onde se poden ver abondosas calas e diversas fervenzas dos regatos que se precipitan ao mar.
Logo de ascender ata o Alto da Lagoa, séguese ata o castro de Vilasuso e remátase coa visita ao pazo do Mosteiro de Baltar, edificio que se remonta ao século XVI.
Algúns lugares de interese:
Praias: aínda que Narón non é un Concello coñecido pola súa costa, conta con tres fermosas e bravas praias, afastadas por abruptos cantís que dificultan a baixada a elas. Son os areais do Casal, Hortiña e Lopesa. Este último atópase xunto á Pena Lopesa, coa que se funde nun illote. En total, algo máis dun quilómetro de praias aínda por descubrir.
Pena Molexa: conta a lenda que unha doncela se transforma nestas penas durante a noite do solsticio de verán. Sen dúbida este é un dos lugares máxicos de Narón, ademais de que constitúe unha grande obra da natureza. É un penedo de varias toneladas que encabalga unhas rochas noutras dun xeito espectacular.
Pazo-Convento de Baltar: construído como pazo no século XVI por gracia da derradeira marquesa de Lago-San Sadurniño, converteuse en convento cando a nobre llelo doou aos frades claretianos. Da súa data de creación só conserva hoxe en día dous grandes brasóns en cantería esculpida.
Dentro deste edificio cómpre destacar outros dous monumentos: a Capela do Sagrado Corazón, que ten un retablo preciosista, e unha fonte de estilo barroco.
A última reconstrucción do seu interior data de 1914 e dela temos mostras como as abondosas fiestras cadradas, a balconada ou os canzorros nos tellados.
POR ONDE IR
O paseo proposto consta dun percorrido que se pode iniciar na praia de Ponzos, próxima á igresa de San Martiño de Cobas, subindo polas pistas firestais das ladeiras dos montes de Vilarquinte, aldea abandonada, ata cegar ó cume de A Lagoa (308 m.), onde temos un excelente miradoiro natural, un punto xeodésico e mailas ruinas dun antigo cuartel militar. Recréase a vista nun vasto panorama sobre a áspera costa atlántica, cos seus cantís, entre as pequenas e salvases praias. Nos últimos planos vémo-lo inmenso areal de A Frouxeira e cara o interior o plácido val de Trasancos.
Seguindo por caminños, máis ou menos paralelos á costa, continuamos dende Vilarquente cara ó norte. Veremos algúns camiños para baixar ás praias de Casal e Hortiña, ata divisármo-lo illote de Pena Lopesa, pegado á praia. Dirixirémonos entón ó interior para acadar Vilasuso e Baltar, onde daremos por concluido o noso paseo, que cos seus 13 Km. Aproximados de percorrido puido ternos ocupada unha xornada enteira de disfrute natural. Entre a Pena Lopesa e Baltar podemos ve-la Pena Molexa, fantástico penedo colocado encol de enormes penas, que encerra curiosas lendas como a da doncela que se transforma durante a noite do solsticio de verán. Preto dela está o castro de Vilasuso, que conserva os foxos e muros defensivos propios destas vivendas celtas.
En Baltar consérvase o Pazo do Mosteiro de Baltar, que só mantén da súa primitiva construcción do seculo XVI dúas grandes pedras de armas. Posteriormente foi modificado, incluíndo a capela do Sagrado Corazón e unha fonte de estilo barroco. Cerca de Baltar tamén témo-la casa medieval de Quintá e maila capela de Santa Margarida do seculo XVI.