OS GRUPOS DE CANTO E PANDEIRETA DO PADROADO DA CULTURA LEVARON UN COMPLETO REPERTORIO DE PANXOLIÑAS ÁS ESCOLAS INFANTÍS
Os alumnos e alumnas das garderías da Solaina, A Gándara, Piñeiros e Xuvia gozaron destas xornadas musicais
Narón, 23 de decembro de 2015. Os grupos de Canto e Pandeireta do Padroado da Cultura obsequiaron aos nenos e nenas das catro escolas infantís municipais coas súas actuacións, ao interpretar un completo repertorio de panxoliñas típicas destas datas de Nadal. Os de maior idade animáronse cos seus profesores a cantar algunhas destas cancións, se ben todos eles gozaron coa actividade, na que participaron as concellerías de Ensino e Cultura, dirixidas polas edís Mercedes Taibo e Marián Ferreiro, respectivamente.
O pasado día 17 de decembro as actuacións tiveron lugar nas escolas infantís da Solaina e da Gándara, e o día 22 nas de Piñeiros e Xuvia. Os grupos de Canto e Pandeireta do Padroado da Cultura deixaron constancia entre o alumnado destes centros e o profesorado do seu divertido repertorio, o que sen dúbida constata o éxito desta cita pensada para animar as festas de Nadal nestas instalacións, facendo partícipes aos menores da programación deseñada desde o Concello para festexar estas datas.