AS COMPAÑÍAS TEATRO DO NOROESTE E GALITOON ACTÚAN ESTA FIN DE SEMANA NO PAZO DA CULTURA
O día 23 representarase a peza "Palabras malditas" e o 24 a obra de teatro musical "Güela-Güela", dirixida ao público infantil
Narón, 21 de xaneiro de 2016. O Pazo da Cultura acollerá esta fin de semana a representación de dúas obras teatrais. A compañía compostelá Teatro do Noroeste representará “Palabras malditas”, unha peza de teatro contemporáneo dirixida ao público adulto. A obra –cuxa estrea tivo lugar este mes na Coruña- está protagonizada por un profesor perseguido e gran coñecedor da poesía francesa, Vicente, e unha prostituta, Clara, que se coñecen nunha pensión da Coruña. Está ambientada na cidade herculina dos anos corenta. A representación desta peza será o sábado, día 23, ás 20.00 horas.
O día 24, domingo, será o turno de Galitoon, que porá en escena unha peza de teatro musical: “Güela-Güela”. A cigüeña Güily protagoniza esta obra, dirixida a nenos e nenas de entre 2 e 6 anos e na que a música e o humor xogarán un papel primordial co obxectivo de resaltar entre o público os valores da amizade e da familia. A representación comezará ás 18.00 horas.
O prezo das entradas para cada un destes espectáculos é de 9,50 euros para o público en xeral e de 6,65 para abonados, persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos) e desempregados. Poden adquirirse na billeteira do Pazo de xeito anticipado ou o propio día das representacións.