Participaron un total de 159 establecementos comerciais do municipio
Narón, 29 de xaneiro de 2009.- A Concelleira de Promoción Económica, Angeles Díaz, entregou hoxe os premios correspondentes á Campaña de promoción do comercio local “Comprar en Narón, ten premio” organizada polo Concello en colaboración coa empresa Eventi Narón. Durante o acto de entrega de premios, a Edil felicitou ós gañadores e apostou por fomentar o pequeno comercio “xa que articula e contribúe a crear cidade”, dixo.
Angeles Díaz lembrou que esta é a segunda campaña de promoción do comercio local promovida dende o Concello, xa que no Nadal do 2007 lanzouse a primeira, baixo o slogan “Narón, comercio de ilusión”. A concelleira votou a vista atrás e asegurou que ambas tiveron unha grande aceptación por parte dos comerciantes e tamén dos consumidores.
Na campaña “Comprar en Narón, ten premio” participaron un total de 159 establecementos comerciais do municipio, de todo tipo (comercio textil, zapaterías, ultramarinos, ópticas, perfumerías e droguerías, xogueterías, moblerías, etc…). A duración da mesma foi de 1 mes -dende o 15 de decembro ata o 15 de xaneiro- e a dinámica do concurso consistíu na entrega de vales de participación por cada compra superior ós 20 euros, que os consumidores depositaron en urnas coas que se fixeron os sorteos.
A Concelleira de Promoción Económica entregou hoxe tres vales para tres viaxes (para 2 persoas cada un deles), e outros tres vales de compra de 1.000 euros cada un, para gastar en comercios de Narón entre o venres e o sábado.
Angeles Díaz aproveitou o acto para anunciar novas actividades que contribúan a dinamizar este sector “ e se pode ser en colaboración coa Asociación de Comerciantes de Narón, aínda mellor”. A este respecto, a Edil destacou a orixinalidade dunha campaña que está a levar a cabo actualmente esta asociación, que permite mercar utilizando as antigas pesetas.