O CONCELLO PROMOVE CHARLAS DE SEGURIDADE CIDADÁ E EDUCACIÓN VIARIA PARA PERSOAS MAIORES
As impartirán axentes de policía e bombeiros, en locais sociais e centros de maiores.
Narón, 16 de Abril de 2009.- A Concelleira de Persoas Maiores, Mª del Carmen Espada, presentou hoxe en rolda de prensa o programa de Charlas de Seguridade Cidadá e Educación Viaria para Persoas Maiores. Trátase dunha iniciativa na que participarán axentes da Policía Local, Policía Nacional e Bombeiros do parque de Ferrol, e que terá lugar nos meses de maio e xuño.
Os maiores de 65 anos de idade poderán asistir a estas clases nas que se lles ensinarán medidas de autoprotección en materia de seguridade cidadá, para evitar hurtos, timos, estafas e mesmo tiróns de bolsos ou outros obxectos. A Policía Nacional será a encargada de desenvolver estas conferencias.
Os axentes da Policía Local, pola súa banda, exporán ós asistentes o seu punto de vista sobre a idoneidade ou non de conducir a partires dos 65 anos de idade. Tamén falarán sobre o proceso de envellecemento e os hábitos de saúde e alteracións e efectos da idade ó volante. Tamén aportarán pautas e estratexias de conducción, pautas sobre educación peonil e consellos para circular ou transitar con precaución.
O obxectivo destas charlas, organizadas en colaboración coa Concellería de Seguridade Cidadá, é ofrecer consellos útiles para a seguridade persoal dos maiores, ensinándolles a prevenir ou reaccionar con eficacia e rapidez ante situacións adversas. Os encargados de impartilas serán Pedro Caneiro e Simón Cabarcos (coordinadores do Programa de Educación Vial do Concello de Narón), Víctor Saavedra (Inspector Xefe da Policía Nacional) e Diego Rico (Bombeiro).
O calendario de charlas previstas é o seguinte:
-14 de maio: Centro de Maiores Santiago Apóstol (ás 17 horas)
-19 de maio: Local Social Municipal de Chafarís (ás 19 horas)
-21 de maio: Centro de Maiores Santiago Apóstol (ás 17 horas)
-26 de maio: Local Social de Sedes (ás 18:30 horas)
-27 de maio: Local Social de San Xiao (ás 19 horas)
-2 de xuño: Local Social de Pedroso (ás 18 horas)
-19 de xuño: Centro de Maiores do Val (ás 18:30 horas)
Os interesados poden inscribirse nos locais onde se levarán a cabo as charlas.