O CONCELLO ILUMINARÁ DE COR VERDE A GLORIETA DE FREIXEIRO ESTA FIN DE SEMANA CON MOTIVO DO DÍA MUNDIAL DO PACIENTE OSTOMIZADO
O Consistorio adhírese ao chamamento realizado dende as asociacións rexionais do colectivo e a FEMP para dar visibilidade a esta realidade, segundo indicou o edil de Sanidade, Santiago Galego
Narón, 30 de setembro de 2020. O Concello iluminará esta fin de semana a glorieta de Freixeiro de cor verde con motivo do Día Mundial do Paciente Ostomizado. O concelleiro de Sanidade, Santiago Galego, indicou que o Consistorio se adhire deste xeito ao chamamento realizado dende as asociacións rexionais do colectivo e a propia Federación Española de Municipios e Provincias para “dar maior visibilidade a esta realidade e axudar ás persoas afectadas por esta operación a reincorporarse á vida activa a pesar das limitacións persoais que conleva este proceso e que fan que teñan que superar no seu día a día unha serie de barreiras”.
Galego indicou que aínda que o Día Mundial do Ostomizado é o 3 de outubro, a glorieta permanecerá iluminada durante toda a fin de semana. A ostomía, tal e como recordaron dende o colectivo, é un orificio de saída artificial que practica un cirurxán na parede abdominal debido a diferentes diagnósticos para facilitar a saída ao exterior dos produtos de desfeito do organismo, un procedemento que deixa nos pacientes secuelas físicas e tamén emocionais en moitos casos.