CAMBIOS NO SENTIDO DE CIRCULACIÓN DAS RÚAS GALES E MUGARDOS A PARTIR DO VINDEIRO LUNS
O concelleiro de Seguridade Cidadá, Román Romero, explicou que a medida permitirá mellorar a conectividade e a seguridade viaria nesas zonas do Alto e A Gándara
Narón, 29 de outubro de 2020. O concelleiro de Seguridade Cidadá, Román Romero, anunciou que a partir do vindeiro luns, 2 de novembro, aplicarase un cambio de sentido de circulación nas rúas Mugardos e Gales, nas zonas da Gándara e O Alto, respectivamente. Os traballos de sinalización horizontal e vertical derivados desta medida iniciáronse hai uns días e na actualidade estanse ultimando, así como o buzoneo informativo aos residentes nos tramos afectados por estes cambios, tal e como indicou o edil naronés.
A vía de enlace entre as rúas Concepción Arenal e Mugardos pasará a ter o sentido de circulación unicamente de saída da rúa Mugardos cara á rúa Pintor Soutomaior. A finalidade, segundo explicou Romero, é mellorar a conectividade da rúa Mugardos e da súa contorna.
En canto á rúa Gales, o cambio a impplantar levará a que se aplique un sentido único de circulación con entrada pola avenida Rafael Bárez e saída polas rúas Eire ou Álvaro Cunqueiro. Neste caso Romero asegurou que se mellorará a seguridade viaria na rúa Gales, donde se rexistraron varios incidentes na intersección de saída cara a avenida Rafael Bárez, e ao mesmo tempo se gañará capacidade de estacionamento tras habilitarse novas prazas en batería nun tramo do citado vial.