A XUNTA DECRETOU O PECHE PERIMETRAL DE NARÓN, FERROL, NEDA E FENE CON RESTRICIÓNS DE MOBILIDADE PARA FREAR O AVANCE DA PANDEMIA POLA COVID-19
A alcaldesa, Marián Ferreiro, reiterou o seu chamamento á responsabilidade individual para frear a escalada de contaxios por coronavirus
Narón, 30 de outubro de 2020. O Diario Oficial de Galicia de hoxe recolle as restricións de mobilidade -inicialmente ata o vindeiro martes, día 3- que debido á actual situación sanitaria afectan a varios concellos da comarca, entre eles o de Narón. Según comunicou esta mañá a Xunta de Galicia, a maiores de Narón, en Ferrol, Fene e Neda non se permite a mobilidade cara ao exterior aínda que si entre estes catro municipios, tal e como se contempla no DOG. No citado documento contémplanse as excepcións para a anterior limitación, quedando exceptuados da mesma os desprazamentos xustificados que se produzan por motivos como asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios, cumprimento de obrigas profesionais, laborais, legais, asistencia a centros docentes e educativos, retorno ao lugar de residencia habitual, coidado de persoas maiores, menores e dependentes... e outras que se poden consultar ao completo no DOG de hoxe -xunto con outras limitacións e restricións- a través do enlace: http://www.xunta.gal/dog/Publicados/excepcional/2020/20201030/2474/AnuncioC3B0-301020-1_gl.html.
As medidas aplicadas dende este mediodía contemplan tamén a prohibición de reunirse persoas que non sexan convivintes, tanto en espazos de uso público -pechados ou ao aire libre- como de uso privado.
A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, reiterou o seu chamamento á responsabilidade individual para frear a escalada de contaxios pola Covid-19, cumprindo todas as medidas indicadas dende as autoridades sanitarias.