CÁRITAS VISIBILIZA A SÚA APOSTA POLA UNIÓN NA FRATERNIDADE CUNHA CAMIÑATA SOLIDARIA
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes, José Oreona, sumáronse á convocatoria, que rematou na Praza de Galicia
Naron, 18 de xuño de 2022. Preto de 350 persoas participaron na I Camiñata Solidaria Inclusiva que organizou no día de hoxe, sábado 18 de xuño, Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol con motivo da celebración da Semana da Caridade. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, José Oreona, participaron na convocatoria, que finalizou na Praza de Galicia.
A saída realizouse dende a Praza de España de Ferrol, contando coa presenza do bispo diocesano D. Fernando García Cadiñanos, e dende o paseo marítimo de Xuvia, en Narón, transcorrendo ambos os roteiros practicamente polo trazado do Camiño Inglés, con chegada á Praza de Galicia de Narón, onde se viviu unha xornada de confraternidade cun encontro de todos os seus participantes procedentes das parroquias e UPA dos concellos de Ferrol, Narón e Valdoviño, así como das confrarías da Semana Santa Ferrolá. A organización agradeceu o patrocinio dos Concellos de Ferrol e Narón, que puxeron todos os seus medios para que a xornada fose posible, especialmente o apoio do persoal de Protección Civil de ambos municipios, así como a colaboración dos establecementos comerciais de Gadis e Eroski, que facilitaron o refrixerio que se ofreceu aos camiñantes.
A finalidade da primeira edición da Camiñata Solidaria Inclusiva era a captación de fondos para o desenvolvemento dos programas de acción social de Cáritas Diocesana (acollida e acompañamento en parroquias e UPA, emprego, infancia e adolescencia, maiores, voluntariado, ...), ao mesmo tempo que facer realidade e visibilizar o lema da campaña institucional de Cáritas neste ano "Somos o que damos. Somos amor", resaltando que o amor é o motor que nos fai avanzar e proxectar o ben común cara aos máis vulnerables.