A BIBLIOTECA ACOLLERÁ MAÑÁ A PRESENTACIÓN DO LIBRO "AÍNDA QUE TE AGOCHES", DE XOSÉ FERNÁNDEZ
A concelleira de Bibliotecas, Olga Ameneiro, informou que o acto dará comezo ás 18:30 horas
A Biblioteca municipal acollerá mañá venres a presentación da primeira novela de Xosé Fernández, “Aínda que te agoches”. O acto, no que ademais do autor participará a escritora naronesa María Isabel Ramos Breijo, dará comezo ás 18:30 horas, tal e como indicou a concelleira de Bibliotecas, Olga Ameneiro.
A publicación é un relatorio de catro partes independentes con diferente temática pero cun eixo común, todas están centradas sobre todo no social, cunha linguaxe sinxela e desenfadada. Nas narracións deste libro, publicado por Medulia Editorial o pasado mes de decembro, aparecen paisaxes da nosa contorna que nos serán doadas de identificar.
O libro preséntase por vez primeira ao público da man do seu autor, natural do veciño concello de San Sadurniño e autor de obras de poesía e novela, e da naronesa María Isabel Ramos e tralo acto de presentación as persoas que acudan poderán adquirir un exemplar.