Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
OS CONCELLOS DE NARÓN E LUGO REAFIRMAN A SÚA APOSTA POLA DIFUSIÓN CULTURAL DO OENACH ATLÁNTICO
Os Concellos de Narón e Lugo reviviron esta tarde o irmanamento entre as asociacións castrexas da Asociación Veciñal Rosa dos Ventos, de Sedes, e Arde Lucus.
Narón, 16 de xullo de 2024. Ao igual que se fixera antes da pandemia, no ano 2019, os Concellos de Narón e Lugo reviviron esta tarde o irmanamento entre as asociacións castrexas da Asociación Veciñal Rosa dos Ventos, de Sedes, e Arde Lucus. A concelleira de Turismo de Narón, Natalia Hermida, e a alcaldesa lucense, Paula Alvarellos, acompañadas doutros representantes dos seus respectivos gobernos locais, celebraron un acto na Praza Maior de Lugo para presentar o Oenach Atlántico de Sedes. Medio centenar de veciñas e veciños de ambos concellos sumáronse a esta iniciativa, caracterizados todos eles con traxes de época. Ante o Concello lucense, a comitiva naronesa deu a coñecer a programación do Oenach Atlántico, declarado ao igual que o Arde Lucus Festa de Interese Turístico de Galicia, e que se celebrará do 26 ao 28 de xullo na campa do Trece, na parroquia de Sedes. Os integrantes da AVV Rosa dos Ventos de Narón deron a coñecer o programa, que arrancará o vindeiro día 26 co tradicional acendido de lumes na campa do Trece e cunha Noite de música galiciana a partir das 22:00 horas, cun concerto de Óscar Ibáñez & Tribo. O sábado día 27 abrirá a campa castrexa ás 11:00 horas, con mostras de artesanía en vivo e actividades lúdicas para pequenos e maiores. O espazo gastronómico da campa do Trece terá tamén un apartado neste evento no que xa pola tarde, de 16:00 a 20:00 horas, o espazo lúdico retomará os xogos populares e ás 18:00 haberá unha parada etnográfica da música e o baile tradicional, co Grupo de música e danza tradicional Alxibeira. Ás 22:30 horas celebrarase a tradicional “Noite do castro”, coa representación da obra Vida, de Laura Aneiros, a cargo da gran Compañía de Teatro Comunitario de Sedes. Finalmente, o domingo 28, reabrirá a campa ás 11:00 e, entre outras propostas, haberá unha Mostra de Can de Palleiro nas inmediacións da nave do recinto feiral do Trece. O teatro regresará de novo a este evento ás 12:30 horas, cunha recreación teatral da obra Agripa, de Juan Miguel Padín. A sesión vermú dará comezo ás 13:00 horas, coa agrupación Tanto nos ten, e ás 14:00 comezará o Oenach gastronómico no espazo de xantares. Pola tarde, de 16:00 a 20:00 horas haberá xogos populares e ás 17:00 será o concerto de Café Dorothé. A música continuará ás 18:00 cunha parada etnográfica da música tradicional, a cargo da Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón, para dar paso ás 19:00 a unha recreación na campa como acto de clausura desta celebración. Un concerto de Comando Curuxás que se iniciará ás 20:00 horas porá o broche final á programación deste ano, que se pode consultar ao completo nun código QR impreso na cartelería e dispoñible tamén dende a web municipal. A alcaldesa de Lugo asegurou que “o feito de que a asociación Rosa dos Ventos e o Concello de Narón elixan Lugo para presentar o Oenach Atlántico, a festa castrexa que se celebra en Sedes, é unha honra para a cidade, e tamén para o Concello de Lugo e as asociacións de recreación histórica, como promotoras da festa do Arde Lucus. Compartimos o proxecto de poñer en valor o noso patrimonio como pobo, a través da recuperación das nosas tradicións con este tipo de eventos que están a demostrar que homenaxear a nosa historia e a nosa cultura non é incompatible con gozar da festa”. Finalmente asegurou que “agardamos e desexamos que o Oenach Atlántico logre tantos recoñecementos como o noso Arde Lucus, porque ambas celebracións partiron do mesmo xerme: crear unha festa, cun alto grao de implicación e ilusión, que foi medrando grazas ao compromiso de toda unha comunidade, e que reflicte o orgullo que sentimos polos nosos orixes e a nosa identidade”. Hermida destacou o feito de poder “reforzar e difundir as raíces culturais de Galicia en xeral e dos nosos concellos en particular a través deste tipo de celebracións”, ao tempo que agradeceu a implicación tanto do Concello de Lugo como das asociacións participantes no Arde Lucus para poder celebrar este acto e manter os lazos que unen ás entidades que traballaron e traballan para manter vivas estas festas. Así mesmo, convidou a que toda a poboación lucense e galega se anime a coñecer o Oenach Atlántico de Sedes, que se celebra o 26, 27 e 28 de xullo coa representación da vida celto galaica en pallozas e con múltiples recreacións, espectáculos de música infantil e concertos. O Oenach Atlántico quere dar a coñecer en toda Galicia o labor, tal e como indicou Hermida, dos seus veciños e veciñas da Asociación Rosa dos Ventos, de Sedes, nun evento con obradoiros e importantes espectáculos musicais, ademais de recreacións teatrais da vida cotiá nos castros e pallozas, actos como o acendido do lume ou a representación de oficios tradicionais (a programación ao completo pode consultarse na web do Concello: https://naron.gal/web/docs/programa_oemach_2024.pdf). A Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e Abanca colaboran co Concello e o Padroado da Cultura de Narón na organización deste evento.

<<< Setembro 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal