OS CONVITES PARA O CONCERTO DO PIANISTA MARIO MEZQUIDA NO FESTIVAL JAZZ DE RÍA PODEN RETIRARSE NO DESPACHO DE BILLETES DO PAZO
O Jazz de ría desenvolverase nos concellos de Narón, Neda, Valdoviño e Cedeira
Narón, 2 de agosto de 2024. A oitava edición do festival Jazz de ría abrirá en Narón o vindeiro 16 de agosto. O Pazo da Cultura é o lugar no que se desenvolverá o concerto do xoven pianista menorquín Mario Mezquida, un artista cunha traxectoria moi dilatada, tras actuar nos mellores festivais e auditorios de 30 países e cunha media de 180 concertos ao ano e máis de 50 discos gravados. A cita dará comezo ás 21:30 horas e as persoas interesadas poden retirar os convites no despacho de billetes do Pazo, de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 e de 18:00 a 20:30. Así mesmo, tamén se poden reservar chamando ao número de teléfono 981 702 897 no horario indicado anteriormente ou retiralos do propio despacho de billetes do Pazo o día do concerto, antes do inicio do mesmo.
Mario Mezquida traerá a Narón o seu último proxecto musical, “Letter to Milos”, acompañado por Aleix Tobias na percusión e Martín Meléndez no cello. O traballo leva ao público, a través do jazz, á música tradicional ibérica, ao son cubano ou ata a música circense, nunha mostra moi sincera da identidade artística do seu autor, nunha carta de amor ao seu fillo Milos.
O festival continuará en Narón o sábado 17, no parque Freixeiro, onde actuarán Alba Careta Group; Magalí Sare& Manel Fortià; Pablo Sanmamed Trío e Benxamín Otero e Demo Rumudo. Como propostas paralelas, na mesma ubicación, poderase participar nun aula aberta de baile con Swing on; nun obradoiro de construción de instrumentos con refugallos coa Escola da Vaca e nunha aula aberta de palmas flamencas con Isaías Salazar.
O Jazz de ría continuará o domingo 18 en Neda, o luns 19 en Cedeira e o martes 20 en Valdoviño. A programación ao completo pódese consultar a través das redes sociais do Concello de Narón e do propio festival.