O CONCELLO DELEGOU NA DEPUTACIÓN DA CORUÑA A XESTIÓN E O COBRO DO IMPOSTO DE PLUSVALÍA
O edil de Facenda, Román Romero, recordou que a medida se aprobou nos plenos das dúas administracións
Narón, 11 de setembro de 2024. A Deputación da Coruña asumiu as competencias do Concello de Narón sobre o cobro do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana (plusvalía), tras así aprobarse na sesión plenaria do Concello e posteriormente na da administración provincial. É esta última a que se fixo cargo da xestión, inspección e recadación voluntaria e executiva do citado imposto ou do imposto municipal que o complemente ou substitúa no futuro, tal e como indicou o edil de Facenda, Román Romero.
O citado imposto hai que pagalo cando un contribuínte vende, dona ou herda unha vivenda ou terreo de natureza urbana, sobre os que este tributo graba a revalorización dende o momento da súa adquisición ata a súa transmisión. O imposto sobre plusvalía recóllese na Lei reguladora das Facendas locais.